O programa de música tradicional “Alalá” despídese da TVG

Cun capítulo dedicado á Asociación de Gaiteiros Galegos o programa Alalá despídese despois de 210 capítulos dedicados á promoción da nosa música tradicional. 

A Asociación de Gaiteiros Galegos será a protagonista do capítulo final de Alalá, un espazo televisivo no que se promocionaba a música tradicional desde a televisión pública galega. O domingo a partir das 19.15 emitirase este último episodio, segundo anuncian desde a propia páxina de facebook do programa. 

O equipo do programa despídese agradecendo á colaboración da Asociación de Gaiteiros Galegos ademais de informantes, xente da música e público que colaboraron con eles en todos estes anos. 

“Quedan moitos músicos, grupos ou eventos de folk e de música tradicional de merecemento ós que non lles puidemos facer un Alalá, pero confiamos en que a música galega, como parte fundamental da nosa cultura, atope as plataformas necesarias para amosar a súa riqueza e formar parte da nosa vida cotiá” lamentan na despedida. 

O programa mesturaba interpretacións musicais con reportaxe e entrevistas arredor con protagonistas da nosa música tradicional e da súa transmisión xeracional. Cando chegaron ao programa 200 o equipo manifestaba a vontade de continuar a “difundir o magnífico traballo que nestes tempos difíciles segue facendo tanta xente pola música folk e tradicional de Galicia”.

Comentarios