Imprimir

Profesionais lembran os once anos de abandono da saúde mental previos ao plan anuciado ás portas das eleccións

Raquel C. Pérez | 30 de xuño de 2020

Profesionais do Sergas (Imaxe: Xunta da Galiza).
Profesionais do Sergas (Imaxe: Xunta da Galiza).
Desde o Movemento Galego pola Saúde Mental cualifican ao presidente da Xunta de "electoralista". O Colexio Oficial de Psicoloxía percíbeo con bos ollos. "Imos estar atentos para comprobar que se concrete nunha atención á saúde mental diferente", advirten. As ratios de profesionais por habitante son as segundas máis baixas do Estado. "Atendemos á poboación máis fráxil e hai un desamparo da xente que sofre por saúde mental", aseguran.

Unhas horas antes do arranque da campaña electoral, o presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, anunciou a aprobación dun Plan de saúde mental orzamentado en 83 millóns de euros e que inclúe a creación de 241 novas prazas. O Movemento Galego pola Saúde Mental (MGSM) ou a CIG-Saúde criticaron un anuncio que consideran "electoralista".

Ao comprobar que só foi anunciado mais non publicado para consulta  ficamos moi decepcionadas, asegura Cerqueiro

"Moitas persoas agardabamos ese plan, que a Xunta prometera con anterioridade, mais ao comprobar que só foi anunciado mais non publicado para consulta pola cidadanía ficamos moi decepcionadas", expón Rosa Cerqueiro, voceira do MGSM. En canto ás novas prazas, salienta que supoñen a metade das recomendadas á Xunta pola Comisión asesora en materia de saúde mental en 1997, baixo a presidencia de Manuel Fraga.

En comparación dos once anos dos que vimos o plan é bo, expón Rodríguez Otero

Desde o Colexio Oficial de Psicoloxía da Galiza recollen a proposta en positivo. "Situaranos na media estatal, ficando aínda lonxe do punto ideal, mais en comparación dos once anos dos que vimos o plan é bo", expón José Eduardo Rodríguez Otero, responsábel de Psicoloxía e Saúde do Colexio.

Galiza é o segundo territorio do Estado coas proporcións máis baixas de especialistas en Psicoloxía por habitante, en concreto son 3,47 por cada 100.000 persoas. "E nas especialidades de Psiquiatría, Enfermaría, Traballo Social ou Terapia Ocupacional non están mellor", acrecenta este psicólogo.

A falta de profesionais repercute na calidade da atención ás pacientes. "Se as temos que atender cando menos unha hora cada quince días, nós facémolo durante media hora cada catro semanas", resume Rodríguez Otero. Para a primeira visita dunha crianza poden decorrer até nove ou dez meses de espera, cun único punto de atención enfocado na infancia e na mocidade en toda Galiza.

Atendemos á poboación máis fráxil e hai un desamparo da xente que sofre por saúde mental, di Rodríguez Otero

As e os pacientes que acoden ao Servizo Galego de Saúde non poden custear o prezo dunha consulta privada. Persoas con prestacións de reinserción social, no paro ou con problemas laborais non teñen máis remedio que agardar semanas entre consulta e consulta. "Atendemos á poboación máis fráxil e hai un desamparo da xente que sofre por saúde mental", asegura Rodríguez Otero.

As consultas telemáticas, apunta Rosa Cerqueiro, non son unha opción. "Durante o estado de alarma tivemos que empregalas, pero non se pode facer do que é unha ferramenta temporal unha virtude, como expuxo Núñez Feixoo. O contacto cara a cara, a linguaxe verbal e a non verbal, son imprescindíbeis", di.

O contacto cara a cara é imprescindíbel, salienta Cerqueiro

Tanto Cerqueiro como Rodríguez Otero urxen un achegamento das profesionais da saúde mental aos centros de saúde de Atención Primaria. "Son quen enfrontan a maior carga asistencial neste ámbito", salienta o segundo. 

Vixiar que se cumpra

"Non se debe obviar que dentro de dúas semanas hai eleccións, semella que o plan é serio e imos estar atentos para comprobar que se concrete nunha atención á saúde mental diferente", asegura José Eduardo Rodríguez Otero. Rosa Cerqueiro, desde o MGSM, reitera a súa decepción. "É insuficiente e as formas non foron as adecuadas", conclúe. 
 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/profesionais-lembran-once-anos-abandono-da-saude-mental-previos-ao-plan-anuciado-portas-das-eleccions/20200629202134100440.html


© 2020 Nós Diario