Imprimir

'Producir', o suplemento de 'Nós Diario' de información económica, arrancou este sábado

Redacción | 31 de maio de 2020

Deseño da autoría do grafista Pepe Barro para os suplementos temáticos que acompañarán Nós Diario desde a terza feira.
Deseño da autoría do grafista Pepe Barro para os suplementos temáticos que acompañarán Nós Diario desde a terza feira.
O peso da agricultura na Galiza, o papel do estado fronte a pandemia da COVID-19 ou a súa relación co 5G, entre as propostas.

Producir publícase este sábado con Nós Diario para ofrecer información económica nun momento en que resulta de especial importancia achegar análises á sociedade e espazos de reflexión para o contraste de ideas e a formulación de alternativas. O suplemento estará dispoñíbel nos quiosques até esta segunda feira.

Bernardo Valdés, profesor da USC pregúntase no inicio deste suplemento se é Galiza un país agrario. Xabier Pérez Dávila desvela o que Europa debería aprender da China e o que a China debería aprender de Europa sobre COVID-19 e 5G. Adrián Dios analiza o papel do Estado fronte a pandemia, e Eduardo Míguez, director adxunto do Porto de Celeiro explica por que ten tanta sona a pescada.

O suplemento, catro páxinas a cor e con deseño de Pepe Barro, pretende ser un espazo para analizar e divulgar con expertos e expertas de primeira orde a realidade dos sectores produtivos, do tecido empresarial e do mercado de traballo.

Entre as colaboradoras e colaboradores atópanse docentes de economía das universidades galegas e persoas significadas no ámbito dos estudos económicos. En materia pesqueira o suplemento contará coas sinaturas de María do Carme García Negro ou Gonzalo Rodríguez; en políticas agrarias, de Edelmiro López Iglesias, Mar Pérez Fra, Bernardo Valdés, Xavier Simón ou Xosé Carballido; en cuestións industriais, de Adrián Dios ou Anxo Calvo e en políticas públicas e fiscalidade, con Xosé Díaz Antón Beiras CalJoam Romero Duram, Aleixo Vilas, Manuel Barbeitos, Xabier Pérez Davila ou María Cadaval.

Suplementos diarios de carácter temático

Coñecer, Aprender, Xogar, Gozar e Producir publicaranse de terzas feiras a sábados co diario para ampliar a información relativa a patrimonio, historia, arte, ciencia, educación ambiental, ensino, actividade física, gastronomía, enoloxía, viaxes, sectores produtivos e iniciativas empresariais, entre outros. Unha aposta de Nós Diario no marco da celebración dos seus cen primeiros números en papel.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/producir-suplemento-nos-diario-investigacion-divulgacion-arranca-cuarta-feira/20200531120530098711.html


© 2020 Nós Diario