A produción industrial galega pon fin a tres meses de caídas

A produción industrial creceu 4,2% en novembro, pero acumula unha caída anual de 4,5%.
Aluminios Cortizo
photo_camera Interior das instalacións de Aluminios Cortizo (arquivo).

A produción industrial rematou novembro en positivo. Subiu 4,2% en comparación co mesmo mes de 2018, segundo os datos que publica este venres o Instituto Nacional de Estatística (INE). Con este alza, Galiza pon fin a tres meses consecutivos de caídas interanuais.

Aínda que se trata do terceiro maior crecemento no mes de novembro, só superado por Navarra (+24,9%) e Estremadura (+10,4%), os datos non son como para botar foguetes. E é que, pese a mudar de tendencia en novembro, a produción industrial galega acumula unha baixada de 4,5% nos 11 primeiros meses de 2019. É o segundo descenso máis acusado entre os territorios do Estado español, só superado por Baleares (-6,9%), un dato que contrasta coa media, que crece nese mesmo período 0,5%.

Por sectores, a produción de bens de equipo, que aumentou 14,6%, xustifica en boa medida o aumento do Índice Xeral de Produción Industrial (IPI) de novembro, un mes no que todos os tipos de bens incrementáronse, mentres só a enerxía acadou cifras negativas (-4,5%) como consecuencia do descenso de actividade nas centrais térmicas de carbón do país. 

Tendencia inversa

No conxunto do Estado español, o índice baixou en novembro 0,5% en relación ao mesmo mes de 2018, taxa 1,4 puntos inferior á de outubro e que, ao contrario do que acontece na Galiza, retorna a taxas  negativas após os aumentos de setembro e outubro. Todos os sectores industriais recortaron a produción, salvo os bens de equipo, que a elevaron 3,2% interanual. Os bens de consumo duradeiro lideraron os descensos (4,9%), seguidos dos bens intermedios (2%) e os bens de consumo non duradeiro e a enerxía (1,2%). No entanto, corrixida de efectos estacionais e de calendario, a produción industrial no Estado español entrou en positivo ao incrementarse un 2,1% interanual.

Comentarios