‘Processo Trevinca’, o independentismo quer trazar colectivamente a súa folla de ruta da próxima década

Hai uns días independentistas galegas presentaron o inicio do 'Processo Trevinca', a través do que o movemento procura definir colectivamente un programa político, liñas tácticas e a estratexia a seguir na década entrante.
O ex preso independentista Raúl Santim le o manifesto de Causa Galiza. Día da Patria Galega 2018.
photo_camera O ex preso independentista Diego Santim le o manifesto de Causa Galiza. Día da Patria Galega 2018.

En xullo de 2018, co gallo do 50 aniversario da recuperación do Día da Patria da clandestinidade, Causa Galiza anunciaba o lanzamento do ‘processo Trevinca’. Unha convocatoria para que as independentistas do país deseñasen colectivamente a folla de ruta do movemento de cara a década entrante. O 30 de novembro, nunha rolda de prensa, as súas impulsoras puxeron data ao cumio do ‘processo Trevinca’: o Día da Patria de 2020.

O ‘processo Trevinca’, explican as súas impulsoras no comunicado, procura por unha banda analizar “a realidade nacional internacional” e “as tendencias que condicionan a viabilidade de Galiza como nación”. Por outra, pretende definir “un programa político, liñas tácticas e a estratexia xeral do independentismo para os próximos anos”.

Esta reformulación colectiva artellarase a través de asembleas comarcais abertas, que confeccionarán por elección un órgano coordinador. Este encargarase de recoller e articular as propostas e iniciativas que acheguen as asembleas. Todos os debates e propostas serán recollidos en textos que se publicarán no portal do ‘processo Trevinca’. Por último, unha Asemblea Nacional “aprobará as diagnoses finais, a concreción programática e a estratexia do independentismo rupturista da vindeira década”.

As bases sociais do independentismo

“Cremos que este é o momento, pois após décadas de intervención e sometido a unha brutal represión por parte do Estado o independentismo galego logrou colocar no mapa político nacional a reivindicación de independencia, ademais de construír unha masa social que actúa nesas chaves”, afirman as impulsoras do proceso.

“Vivimos nun momento paradoxal, no que a represión alcanza cotas inéditas. O Estado español en crise presenta a proposta de ilegalizar organizacións políticas e sociais. En tanto, o ideario independentista galego, vencellado a proxectos emancipadores de esquerda, socialistas, feministas e ecoloxistas en unha base social máis ampla que nunca. Este proceso pretende dar tradución a unha conciencia espallada que esixe referentes políticos perdurábeis e solventes”, conclúe o comunicado.

 

Comentarios