Imprimir

Prisión por un intento de asasinato machista

D.A. | 15 de outubro de 2015

O home confesou que tentara matar a machadas a C.V.V. A muller atópase "sedada" e "estábel" en coidados intensivos do CHUAC.

 

Esta quinta feira (15 de outubro) ingresou na prisión de Teixeiro, por orde xudicial, José Herreros Pérez. O home tentou asasinar a que era a súa compañeira, C.V.V. Após presentarse no cuartel da Garda Civil en Carballo, onde ambos residían, pasou a disposición do xuíz quen ditou o seu encarceramento por un intento de asasinato machista. 

Herreros agrediu cunha machada a C.V.V que se atopa "sedada" e "estábel" dentro da gravidade das feridas provocadas polo home, na unidade de coidados intensivos do CHUAC. Segundo fontes médicas recollidas polo xornal La Voz de Galicia, a vida da muller "non corre, inicialmente, perigo". 

No que vai de ano foron asasinadas, segundo cifras oficiais, 4 mulleres na Galiza. Aliás, este verán foron asasinadas dúas crianzas en Moraña polo seu pai máis un home no marco dun crime de xénero en Arbo. 

Xuízo en 2007

José Herreros Pérez, natural de Pontedeume, fora axuizado en 2007 por tentar prender lume á vivenda familiar coa filla e o xenro no interior. 

Naquela altura pedían para el, segundo recolle a imprensa, 28 anos de cadea, polo que pasou algún tempo en prisión. Porteriormente deslocouse a Carballo onde comezou convivía con C.V.V. 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/prision-intento-asasinato-machista/20151015104214041590.html


© 2021 Nós Diario