Manuel García Castellón, xuíz da Audiencia Nacional, decretou esta terza feira a prisión incondicional sen fianza para os catro independentistas detidos esta fin de semana en Vigo e Vilamarín no marco da ‘Operación Lusista’. Así o recollen diversos medios españois citando fontes da Audiencia Nacional.
O titular do Xulgado de Instrución nº6 da AN decretou o seu ingreso en prisión após interrogalos. Unha medida que adopta en base ao presunto delito de pertenza a organización terrorista de Antom García Matos ‘Toninho’ e Asunción Losada camba; e de colaboradoras para Miguel G.N e Joam M. S. Os catro estiveron durante estes días baixo aplicación da coñecida como Lei Antiterrorista, marco xurídico excepcional que organismos e entidades internacionais denunciaron que vulnera dereitos fundamentais das persoas detidas.