Primeiro de maio poético en Mondoñedo

O domingo 1 de maio ten lugar en Mondoñedo outra edición do 'Mondoñedo é poesía' dentro das Festas das Quendas, un conxunto de actividades culturais onde se dan cita numerosos autores  como Darío Xohán Cabana, María Lado ou Antonio García Teijeiro.

mondonhedo
photo_camera Presentación da programación

“Mondoñedo é poesía 2016” é un conxunto de actividades culturais enmarcadas na programación das tradicionais Feiras e Festas das Quendas, que se celebran desde 1541 (hai 475 anos).
Nesta terceira edición convócase, como nas anteriores, a numerosos autores e autoras (escritores, músicos, debuxantes, libreiros, críticos …) que participarán en diferentes propostas culturais a realizar nas rúas, prazas e espazos culturais da cidade de Mondoñedo ao longo das xornadas 30 de abril e 1 de maio.

“Mondoñedo é poesía 2016” incrementa nesta edición as actividades complementarias coa celebración da I ExpoLIBRO, que inclúe exposicións, obradoiros e recitais que culminarán o domingo, 1 de maio, co recital poético-musical.

O sábado 30 de abril ten lugar o 'Debuxando Mondoñedo' (Sketchcrawl Galicia, 2ª edición), onde debuxantes e pintores se xuntan nunha quedada para debuxar a vila e logo pendurar as obras nas redes sociais. Tamén haberá unha exposición fotográfica titulada “Mondoñedo sentimental (Vidas e paisaxes)”.

No marco da Expo-Libro terán lugar numerosas presentacións de libros que comezarán o sábado ás 12:00 h. cun pregón homenaxe á imprenta, a cargo de Antonio Reigosa. A xornada do sábado dedicarase pola mañá e pola tarde á presentación de títulos e autores mindonienses e mariñaos: Armando Requeixo, Maka Ledo, Pepe Peinó, Rita Morrigan, Patricia C. Beltrán, Jose Díaz, Paco Rivas, E. Cal Pardo, X. Ramón Fernández Pacios, Andrés García Doural e Isidro Fernández Villalba).

O domingo pola mañá será tempo de presentación de novidade editoriais, coas últimas producións de Mª José Fernández, Mª Xosé Lamas, Antonio García Teijeiro e Antonio Reigosa, e Darío Xohán Cabana e Amelia Outeiro. Tamén haberá un “Tendal de poesía” no Auditorio “Pascual Veiga” con instalación de traballos con poemas do alumnado dos centros escolares mindonienses.

Recitais

E xa pola tarde chegarán os recitais poéticos na Praza da Catedral, na do Concello, na de Jaime Cabot e no auditorio, nos que participarán poetas como Darío Xohán Cabana,  Antonio García Teijeiro,  María Lado e Lucía Aldao, Martiño Maseda, Mª José Fernández, Mateo Buján, Raúl Costas, Antía Juncal e Xosé Artiaga (proxeccións). Na parte musical estarán César Morán, Carmen Rodríguez Lage e o Coro “Mestre Pacheco”.
 

Comentarios