O primeiro barco a navegar coa bandeira galega

Screen Shot 2018-05-18 at 12.06.39
photo_camera Imaxe do Wolverine tal e como apareceu en 'Vida Gallega'

En 1909 Vida Gallega dá conta do primeiro barco que navega baixo bandeira galega. É o Wolverine, un buque de recreo, dotado con todas as comodidades do momento e que fixo a viaxe inaugural de Cangas a Baiona con presenza de moitos xornalistas. Para Vida Gallega, o Wolverine realiza unha misión patriótica: a de dar a coñecer a beleza das rías galegas e a iso está consagrado case en exclusiva. Con numerosos turistas, o barco comezou as viaxes visitando Vilagarcía, Marín e Baiona e espérase que, aproveitando os bons días do verán, vaia moito máis lonxe. Os veraneantes de Galiza contan xa cun elemento de distracción que era necesario e a bandeira galega cun “albergue elegante e decoroso”

En xullo, Rafael Altamira, profesor da Universidade de Oviedo, iniciou unha viaxe por América para “fomentar” o intercambio intelectual con aqueles países, imitando os intercambios que meses antes universidades francesas fixeran coa Universidade de Oviedo. Nesa viaxe, Altamira percorreu boa parte de Galiza, chegando a Vigo, desde Monforte, en tren. Homenaxeado en Vigo el e a comitiva formada por outros profesores da Universidade de Oviedo “cun grandioso banquete” no Continental Hotel, depositou despois un ramo de flores que lle deron as alumnas da Sociedade de Agricultura de Teis sobre o mausoleo de Concepción Arenal. Foi esta, di a prensa “a nota máis fermosa da despedida do ilustre mestre da Universidade de Oviedo”.  Esta despedida foi, polo menos, tan suntuosa como o xantar: a Federación de Traballadores de Vigo fretou o Wolverine para “comboyar” o vapor Avon en que Altamira viaxaba a Buenos Aires. Un acompañamento entre “atronadores vivas e aplausos” concluíndo Vida Gallega que esta viaxe demostrou que Galiza é un País que ama o progreso, que segue o movemento intelectual e sabe honrar debidamente a quen nos honra.

Screen Shot 2018-05-18 at 12.06.43

En agosto de 1909, cando facía a travesía de Cangas a Vigo o Wolverine chocou contra unhas penas nos baixos de Punta Rodeira debido á densa néboa. Levaba máis de 200 persoas que, para alén do pánico, non sofreron danos e foron evacuadas en lanchas de volta a Cangas, negándose a, esa noite de densa néboa, coller outro barco que as levase a Vigo. 


O barco tivo algúns danos mais en maio de 1910 está xa de novo activo e serviu, xunto con outros dous vapores, o Ángel Urzaiz e o Marcelino Barreras, levando estes tamén a bandeira da Galiza, para facer unha excursión pola ría de Vigo para as 475 persoas da Liga de Amigos de Santiago que viaxaran, en tren, de Cornes a Vigo, onde foron recebidos pola corporación e por máis de 8.000 persoas e ovacionados no seu percorrido urbano. En cada estación, á ida e á volta, houbo foguetes, música e mesmo poesía:


De pronto atronadora
entre un humo que surcan llamaradas
despide la feroz locomotora
un torrente de notas aflautadas
para anunciar ....
una estación que en feria convertía
la gente con su eterna gritería.

A estación era Redondela, na viaxe de volta.

No mes de xullo os vigueses devolveron a visita a Compostela. O Wolverine, propiedade da familia Barreras, foi, un ano máis tarde, rebautizado como Alerta non sen antes, coa súa fasquía de deseño inglés mais ondeando a bandeira galega, merecer a atención cinematográfica do fotógrafo e documentalista vigués José Gil.

Comentarios