Primeiro Alcoa, agora Ferroatlántica

Temor a un axuste de persoal nas factorías de Sabón e a Costa da Morte após os malos resultados da poxa eléctrica.

ferroatlántica comité concentración Imaxe CIG

O alto custo da electricidade pasa factura ás empresas galegas que son consumidoras importantes de enerxía. Se Alcoa aproveitou ese feito para impoñer un ERE extintivo aos seus 400 traballadores e traballadoras das factorías da Coruña e Avilés; os malos resultados da poxa de interrumpibilidade levan a que haxa preocupación noutras empresas galegas polas posíbeis consecuencias laborais.

Nesa preocupación está o persoal de Ferroatlántica. O alto custo da enerxía leva a que a empresa avalíe parar algúns dos 8 fornos que a firma de Villar-Mir ten entre os centros de Sabón e Cee-Dumbría. A anterior vez que se deu tal decisión, en 2009, isto implicou un ERE temporal.

A CIG propón ao goberno español, á Xunta e á patronal a creación dunha tarifa industrial estábel, con variacións predicíbeis, á que se poidan acoller as empresas electrointensivas baixo o cumprimento dunha serie de requisitos e que recoñeza o estatus específico deste tipo de industrias grandes consumidoras de enerxía.

No documento propón liberar estas industrias de pagar as peaxes que non teñen unha relación directa co funcionamento do sistema eléctrico - as primas ás renovábeis, os custes extrapeninsulares, os pagos por capacidade, a segunda parte do ciclo do combustíbel nuclear ou o déficit tarifario- a cambio de cumprir unha serie de requisitos. Iso si, os custes das peaxes non abonadas polas industrias non serán asumidos polo resto de consumidores, irán a cargo dos orzamentos xerais do Estado.

Comentarios