Xosé Chorén, número 1 de Lugonovo ao Concello de Lugo

"A primeira medida será poñer orde na casa"

Xosé Chorén é o candidato de Lugonovo -a organización afín a En Marea- á alcaldía de Lugo nas próximas eleccións municipais. Nado en Taboada, é veciño da Milagrosa desde hai anos. “Lugo é a cidade que escollín para formarme no ámbito das Relacións Laborais e tamén para vivir e traballar”, explica. Actualmente é Xefe de Sector das Oficinas de Correo do noroeste da Galiza. Vencellado ao sindicalismo e ao activismo político, foi concelleiro durante un mandato, na Corporación local de 2007 a 2011, co BNG. Responde a este cuestionario vía correo electrónico.

Xosé Chorén Presentación Alcaldable
photo_camera Xosé Chorén

Que supuxeron estes catro anos para o seu concello?

Lamentabelmente cremos que estes catro anos foron unha perda de tempo. A escasa capacidade de traballo do executivo, e non só iso, de negociación coa oposición, foi o que condicionou, e non ao revés, a aprobación dos orzamentos municipais. Durante todo o mandato presentaron tarde os proxectos de presupostos, sen deixar marxe ao resto das forzas para estudalos debidamente e mesmo formular emendas. Dos dous orzamentos que se aprobaron, un foi vencellado a unha cuestión de confianza e case a unha moción de censura e, o outro, para o que Lugonovo deu o apoio, serviu para consignar moitos proxectos e moitos compromisos que asumiran con nós e que logo non se executaron pola mala xestión do goberno. Nin a cargo das contas, nin tampouco a cargo das modificacións de crédito que se asinaron posteriormente. Os seus incumprimentos reiterados propiciaron a desconfianza de toda a Corporación para seguir avalándoo e logo, a falta de dirección e de capacidade da rexedora e do seu equipo, impediu que o Concello avanzara neste mandato.

Como valora o traballo desenvolvido pola alcaldía?

Nefasto. A mellor palabra para definilo é a parálise. Durante estes catro anos non se resolveron ningún dos principais problemas da cidade.

A propia administración sobrevive nunha situación que se pode cualificar de colapso

A propia administración sobrevive nunha situación que se pode cualificar de colapso pola ausencia dunha organización axeitada do persoal. O Concello é o único organismo público no que os traballadores non están sometidos a control horario, a maior parte dos departamentos están infradotados e sen unha boa organización dos recursos humanos resulta practicamente imposíbel ofrecer un servizo áxil e eficaz á poboación. Por non falar de que a xestión de Lara Méndez lonxe de amañar esta problemática só contribuíu a enquistar aínda máis o conflito coas distintas forzas sindicais e mesmo tamén coa Policía Local da que dependen unha morea de trámites (supervisión e control da normativa local, autorización de licenzas de ocupación da vía pública, ordenamento do tráfico, atestados, etc). Precisamente, estas eivas derivaron noutras como é a nula supervisión que se fai sobre as concesións, a calidade coa que estas se prestan e o mantemento das dotacións municipais. Neste intre non funcionan de forma correcta nin o transporte público, nin o servizo de limpeza e recollida viaria, etc... Por non falar de que a mobilidade é un auténtico caos, non hai sistema ORA e, desde o 2015, cando se suprimiu, non se lle buscou alternativa nin tampouco se avanzou nada na promesa de ampliar as dimensións das prazas de estacionamento nos aparcadoiros soterrados.

Tampouco a rexedora nin o seu equipo foron quen de regularizar os contratos caducos que, neste momento, superan as catro ducias. E o Garañón segue en pé, pese a ter consignados, desde hai tempo, 300.000 euros para o seu derribo.

E o traballo realizado polo seu partido?

Está claro que Lugonovo foi o motor do mandato. Nestes catro anos presentamos case 400 iniciativas. 71 delas, proposicións aos Plenos das que todas, menos unha –o rexeitamento ao financiamento do equipamento do Auditorio mediante a exención do IBI á Xunta– saíron aprobadas. O noso foi un labor eminentemente propositivo, de feito, todo canto fixo este goberno foi grazas ao impulso e tenacidade de Lugonovo.

Só por mencionar algunhas das medidas que hoxe están en vigor e que saíron desta Plataforma: a creación dunha Oficina Rural Municipal, dun marco reitor das contratacións públicas para que nos pregos de licitación primen as cláusulas sociais e medioambientais; as propostas de candidatura para que Lugo sexa Cidade Creativa da Gastronomía da Unesco e para ampliar a Declaración de Patrimonio da Humanidade a todo o Casco Histórico. A constitución Mesa do barrio da Residencia en prol da revitalización do barrio, as campañas específicas para que as celebracións patronais sexan festas libres de sexismo ou o adianto da convocatoria e aumento da consignación prevista para as axudas ao alugueiro; as melloras da accesibilidade na contorna do Centro de Saúde de San Roque ou a exención das taxas da auga, lixo e sumidoiros para as persoas que só perciben unha pensión non contributiva, o incremento do IBI aos edificios de uso non residencial e mesmo a implantación de filtros verdes para o saneamento do rural. Un gran traballo que a deslealdade do goberno trata de impedir que así o valore a cidadanía.

 

 

Cal é a principal necesidade do seu concello?

As que así considera a veciñanza. As e os lucenses reclaman barrios ben atendidos, mellor dotados e cheos de servizos. Non son precisas, a poboación non as reclama, obras faraónicas como unha estación intermodal, senón poñer a disposición dos usuarios máis e mellores servizos. Queremos unha boa conexión ferroviaria que poña a Lugo no mapa. E con este exemplo facemos alusión a todo o demais. Queremos calidade de vida. Por iso propoñemos a humanización dos espazos públicos, con medidas realistas, investimentos capaces de planificarse e executarse nun mandato e con intervencións transversais que xa inclúen a perspectiva de xénero e a accesibilidade para lograr que Lugo sexa unha cidade Cota Cero, totalmente inclusiva.

Queremos darlle unha solución natural aos problemas urbanos, poñendo o foco no río Miño. A súa conservación debe derivar do seu desfrute e coñecemento entre a cidadanía, poñendo, asemade, en valor o noso patrimonio natural e cultural. Todos eses aspectos brillan hoxe pola súa ausencia no Concello de Lugo. Pero, para poder desenvolvelos, é preciso que a administración local estea ben dotada de persoal, ben organizados eses recursos e dispoñer dunha boa planificación. Ese é o piar fundamental que permitirá, a continuación, levar a cabo todos eses proxectos.

En relación a iso, cal será a primeira medida que impulsará no novo mandato se está no goberno?

Poñer orde na casa, algo para o que creo será valiosa a miña experiencia profesional como xestor de persoal dunha administración pública. Cómpre poñerlle solución ao conflito que leva catro anos afectando ao cadro de traballadores do Concello para acadar que a institución sexa áxil e eficaz para a cidadanía.

De feito, a miña primeira aportación como candidato de Lugonovo a alcaldía foi propoñer que José Vázquez Portomeñe, actuase como árbitro mediador da problemática, contando coa súa disposición para poñerse ao fronte deste asunto e cun compromiso, pola súa parte, de que será quen de encamiñalo en medio ano.

Nas últimas semanas acadamos tamén o beneplácito da parte social. Logo de reunirnos con todos os sindicatos con representación no Concello, todos deron o seu visto bo a esta medida. A única que non se pronunciou ao respecto foi a alcaldesa o que xa nos dá boa idea da súa predisposición e interese por resolver a situación.

Non podemos esquecer que, detrás de todas as obras que se deben licitar, detrás dos servizos que se demandan, detrás da xestión administrativa que soporta toda esa burocracia tan esencial seguen estando as persoas: as e os traballadores municipais. Actualmente mal organizados, en departamentos infradotados, desestruturados e desmantelados, desbordados de tarefas que, estamos seguros, non poden asumir coa eficacia que se lles require. E aí é a onde Lugonovo apuntará primeiro: a construír uns bos cimentos, que dean solidez a este Concello e que o convertan na administración próxima e efectiva que a cidadanía reclama, merece e necesita.

Comentarios