Imprimir

A primavera entrou cincenta en Galiza: a vaga de incendios pasa ao sureste do país

Redacción | 27 de marzo de 2019

Imaxe: @BrifLaza
Imaxe: @BrifLaza

O lume de Rianxo está estabilizado após queimar máis de 1.100 hectáreas (900 delas de monte arborado) e desactivouse o nivel 2 de alerta. Nas últimas horas os incendios centráronse en concellos do sur do país, como Calvos de Randín, O Barco ou Chandrexa, con lumes que xa están estabilizados ou controlados.

O grande incendio de Rianxo, que con 850 hectáreas queimadas foi o máis devastador dos sucedidos en Galiza no último ano e medio, está estabilizado, segundo a Xunta. A situación permite desactivar o nivel 2 de alerta, activado cando as lapas estaban próximas ás casas e evacuábase instituto Félix Muriel e colexio de Rañó. A chispa dunha liña de alta tensión, que prendeu na sequidade dun eucaliptal, é a principal hipótese de orixe dun lume que durante 36 horas mantivo a veciñanza de Dodro e Rianxo cun nó na gorxa.

 

Mais este cálido mes de marzo que sucede a un inverno baixo en choivas non dá tregua. Dos incendios destes días na costa (Rianxo, Noia, Lousame) pásase aos lumes no interior do país das últimas horas: No Barco de Valdeorras o incendio, estabilizado, calcinou 121 hectáreas.

 

O incendio no concello de Chandrexa de Queixa quedou controlado á última hora da mañá desta cuarta feira. Segundo as últimas estimacións provisionais afecta 30 hectáreas de superficie. O lume do concello de Calvos de Randín, parroquia de Randín, que entrou por Portugal atinxiu 7 hectáreas de arborado dentro do parque natural do Xurés.

 

Son cifras que sumar á listaxe destes últimos días: 77 hectátras queimadas en Noia, 83 en Muras, 26 en Mañón, máis de 40 en Lousame, 26 en As Pontes… Unha listaxe que serve de advertencia de que a situación de alerta por incendios non rematou. O vento, se ben amainou, continúa a soprar e non se agardan chuvias para os vindeiros días.

 

Un informe de Atrifoga, a Asociación de traballadores de incendios forestais de Galiza, advertía de desestacionalización dos lumes no noso país, que estes xa non eran exclusivos do verán: altas temperaturas, ausencia de chuvias, sequedade da biomasa vexetal e do chan.

 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/primavera-entrou-cincenta-galiza/20190327163930077478.html


© 2020 Nós Diario