Cinema

Primavera do Cine volve a Vigo case en outono

A novena edición do festival de cinema retorna logo de ser adiada por mor da Covid-19. Os eventos dan comezo a segunda feira 15 de setembro. 
Fotograma do filme 'Reboiras. Acción e corazón' (Alberte Mera, 2020). O actor Daniel Celester dá vida a Moncho Reboiras na pantalla.
photo_camera Fotograma de 'Reboiras. Acción e corazón', incluído nunha nova sección do festival Primavera do Cine.

Volve o Festival Primavera do Cine a Vigo. A novena edición do certame, adiada por mor da pandemia, arrincará a vindeira segunda feira 15 de setembro no auditorio do concello e mais no Museo de Arte Contemporánea (MARCO). Será un retorno máis austero, con menos actividades paralelas e menos capacidade, mais que procurará manter a esencia do festival. Abrirá o evento a multipremiada longametraxe Pacificado, unha produción brasileira dirixida por Paxton Winters e ambientada nas favelas de Río de Janeiro durante e despois dos Xogos Olímpicos.

Para alén desta, outras oito longametraxes conformarán as seccións oficiais galega e lusófona. As mortes, de Cristóbal Arteaga; De barrio, de Xurxo Chirro; Estado de malestar, de María Ruido; Eroski Paraíso, de Jorge Coira e Xesús Ron, e Manoliño Nguema, de Antonio Grunfeld, compiten no apartado galego. A febre, de Maya Da-Rin; Bostofrio, de Paulo Carneiro; e Fakir, de Helena Ignez, conforman a escolma lusófona. A directora desta última é tamén protagonista de dúas pezas da sección de curtametraxes: Extratos, de Sinai Sganzerla, e Carne, da brasileira Camila Kater, que conta con produción galega.

Mentres que estas e outras sete pezas dan forma á sección de curtas lusófonas, 14 obras integrarán a Sección Oficial de Curtas Galegas. Entre elas hai filmes que foron nomeados aos Goya, como Homomaquia; unha adaptación dun texto de Roberto Vidal Bolaño (Badaladas de amor e morte); ou filmes que competiron en Málaga, como Mare.

Ademais, o festival conta este ano cunha nova sección denominada “Exhibicións especiais: Cinema e compromiso”, conformada polos filmes Reboiras: acción e corazón, de Alberte Mera, e Noite irisada, de Beatriz Vázquez Campaña. Trátase de dous documentais que desenvolven contidos propios do activismo político e social: a represión franquista e os dereitos do colectivo LGTBI galego, respectivamente. Ambas as dúas complementaranse cun debate posterior.

Comentarios