As primarias de En Marea arrancan o 20N, o 5D serán publicados os resultados

O duelo pola lideranza de En Marea após o triunfo crítico no último plenario, non exento de polémica polas acusacións de irregularidades lanzadas desde o sector oficial, xa ten datas. O prazo para a inscrición das candidaturas comeza o 20 de novembro. A votación telemática será entre o 1 e o 3 de decembro. Os resultados vanse facer públicos o 5D.

plenario en marea
photo_camera Un momento do plenario do pasado 27-O.

O prazo de presentación das candidaturas vaise abrir o 20 de novembro ás 10 horas e terá o seu fecho o día 23 ás 23.59 horas. Ese tamén será o momento en que se feche o censo para votar. As candidaturas serán proclamadas o 24 se non hai alegacións e o 26 se as houber.

Así o explicaron este sábado en conferencia de imprensa a responsábel de organización e a viceportavoz do partido instrumental, Victoria Esteban e Ana Seijas, respectivamente.

A campaña propiamente dita arrancará o 27 de novembro ás 00.00 horas e decorrerá até o 30N. As votacións telemáticas serán entre o 1 e o 3 de decembro. A previsión da organización é que o día 3 xa se coñezan os resultados mais estes non serán proclamados como definitivos até o día 5, concluído o período de reclamacións de 48 horas previsto no regulamento das primarias.

Os portavoces do sector oficial deixaron entrever a súa intención de concorrer á reelección —"fica moito traballo por facer"—. En frente terán presumibelmente a chamada Mesa da Confluencia que lidera Martiño Noriega. "Celebramos a alta participación no pasado plenario e a aposta das inscritas por un sistema proporcional en que estarán representadas todas as sensibilidades", dixo Victoria Esteban.

 

Comentarios