Feixoo, en Madrid

Prevese que milleiros de persoas protesten contra os recortes da Xunta en sanidade

Dúas manifestacións centran a atención da opinión pública este domingo. En Compostela, prevese que milleiros de persoas acudan ao chamamento de SOS Sanidade Pública contra o “desmantelamento” e os recortes da Xunta. Á vez, en Madrid, Feixoo manifestarase co PP, Ciudadanos e Vox na mobilización contra o Goberno de Pedro Sánchez.

feixoo xunta sanidade saude foto da xunta
photo_camera [Imaxe: Xunta] Feixoo e Almuíña centran as críticas da plataforma

Ás 12 horas partirá da Alameda de Compostela unha manifestación en defensa da sanidade pública que se prevé multitudinaria e que conta co apoio dunha vintena de plataformas sanitarias, partidos políticos, sindicatos e profesionais do sector. Convoca SOS Sanidade Pública baixo o lema “Os recortes matan” polo “desmantelamento” e recortes da Xunta.

SOS Sanidade Pública tacha Alberto Núñez Feixoo, presidente do Goberno galego, de ser “un comercial de empresas privadas” que “en vez de dar a cara” estará en Madrid na manifestación españolista co PP, Ciudadanos e Vox.

O protesto que percorrerá as rúas compostelás reclama a recuperación dos investimentos perdidos, a recuperación das catro áreas sanitarias e rematar coa “marxinación” da Atención Primaria e coa precarización que padecen as persoas que se dedican ao ámbito da saúde.

SOS Sanidade Pública sinala que o calidade do servizo se atopa “en picado” dado que “o negocio é o que orienta a política de Feixoo”. Cualifica a situación de “dramática” e culpa do “colapso” á privatización, desmantelamento e recortes que teñen como obxectivo, afirma a plataforma, “a entrada de multinacionais privadas”.

O portavoz da entidade, Manuel Martín, sinalaba nunha recente entrevista concedida a Sermos Galiza que “O dereito á saúde en Galiza está condicionado polas políticas de recortes de Feixoo”.

O presidente da Xunta, en Madrid

Mentres galegas e galegos saíran á rúa en Compostela, Feixoo asistirá á manifestación convocada en Madrid polo PP, Ciudadanos e Vox para “botar Pedro Sánchez” do Goberno do Estado, coa escusa da figura do “relator” na mesa de partidos sobre o conflito entre Catalunya e España, malia que o Executivo español suspendeu o diálogo co Govern e malia que Sánchez declaraba o sábado nun acto en Barakaldo que non aceptará “nunca” o dereito á autodeterminación.

Feixoo alterou a axenda da súa viaxe oficial aos Estados Unidos para se manifestar en Madrid ao compartir, en palabras dos populares, “ao cento por cento o motivo” da mobilización. Acompañarán o presidente da Xunta o seu vicepresidente, Alfonso Rueda, e o número dous do PP na Galiza, Miguel Tellado, así como os centos de persoas que se desprazarán a España nos autobuses fretados polo PP.

Comentarios