Nos sectores vinculados co turismo

Preto de 30.000 galegas e galegos ficarán sen traballo “por culpa da Covid-19"

As estatísticas existentes sobre os postos de traballo nos hoteis ou sobre o número de visitantes que pasaron polo país nos primeiros sete meses do ano son preocupantes. Porén, o Clúster de Turismo da Galiza di que os negocios máis prexudicados a nivel xeral son as axencias de viaxes.
EuropaPress_3236401_beto_barreiro_peregrinos_allariz_ourense_descansan_puertas_hostal_meson(1)
photo_camera Peregrinos galegos, en xullo, ás portas dun estabelecemento que ofrece camas no Cebreiro. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

Malia que os locais de hostalaría estanse vendo moi danados e elevan as súas protestas (coa consecución de pequenas melloras para traballar), tamén a hotalaría e o resto de hospedaxes ou as empresas que venden viaxes no país están sometidas a unha presión económica e de falta de demanda que dificulta a súa supervivencia.

Os datos de desaparición de negocios poden comprobarse en distintos estudos estatísticos, mais o propio presidente do Clúster do Turismo da Galiza, Cesáreo Pardal, recoñece que estiman que “en torno a 30.000 persoas quedaran na rúa por culpa da Covid-19”.

Hai ERTES pero hai subsectores como o “ocio nocturno” que non se poden acoller a estas figuras estabelecidas polo Goberno do Estado español e “a incertidume é total”. A inestabilidade é o que máis se nota en todas as compañías, sexan das que ofrecen rutas, experiencias de aventura, visitas guiadas ou grandes mariscadas, entre outros entretementos

Na contra do que poida parecer polos lados dos que xorden as reivindicacións, se hai un ámbito especialmente prexudicado deste contexto de pandemia é “o das axendas de viaxe porque o 80% están fechadas”.

“Se falamos de aloxamentos o 10% tamén o están en toda Galiza, e a partires do pasado domingo fecharon máis porque acabou a tempada estival”, aclara o representante do sector turístico do país.

De axencias non hai tantas estatísticas, pero si é posíbel ver as diferenzas na evolución das hospedaxes e dos postos de traballo nos puntos de visita de referencia na nazón que marca o Instituto Nacional de Estatística (INE), que estabelece comparanzas con outros anos e puntos do Estado español.

As pernoctacións en hostais, albergues e demais caeron un 54% entre xaneiro e xullo.

Por exemplo, até xullo deste ano pola Galiza pasaron 792.272 visitantes, o que implica unha baixada con respecto á misma etapa de 2019. As pernoctacións en hostais, albergues e demais caeron un 54% entre xaneiro e xullo. En parte foi motivado polo confinamento, mais os meses fechados foron os de menor volumen de traballo, xa de forma habitual. É dicir, moita xente decidiu non viaxar ao país nas súas vacacións.

Se ben isto será ben recibido por algunha xente, dado o malestar que xerou a chegada de persoas de puntos do Estado español as súas segundas residencias, tamén reflicte a realidade do volume de negocio que puido ter o turismo.

Case 3.000 empregos menos nas hospedaxes en xullo

O pasado mes de xullo había abertos 1.438 negocios de hospedaxe e 6.375 empregos vinculados: un ano antes as cifras globais eran de 1.749 e 9.133, respectivamente. Así o recollen diferentes estudos estatísticos.

Respecto dos puntos turísticos de referencia que colle o INE para facer estos informes na nazón, hai que destacar, por exemplo, o caso de Compostela. Entre turismo español e estranxeiro, en 2019 pasaron pola capital 422.886 individuos.

O volumen de chegadas viña crecendo nos últimos cinco anos, após a crise económica, pero o coronavirus deu ao traste con esta curva ascendente. Nos sete primeiros meses de 2020 rexistrouse só un 23% do número do exercicio pasado.

O volumen de chegadas viña crecendo nos últimos cinco anos, após a crise económica, pero o coronavirus deu ao traste con esta curva ascendente.

Nin a proximidade do Xacobeo, once anos despois do último, serviu para levantar os datos, como xa viñan confesando responsábeis de albergues a Nós Diario en pleno agosto.

Á marxe da peregrinación, lugares tradicionalmente atractivos para as e os forasteiros como Sanxenxo, O Grove, Ribadeo ou Viveiro viron os seus balances reducidos a un terzo ou unha cuarta parte en relación a un ano atrás.

Só falando de turismo procedente do Estado español, pois as restricións de mobilidade tamén deron ao traste cos intentos da nazón por atopar proxección no estranxeiro para fortalecer o sector turístico e que non sexa tan estacional e feble.

Mais, Pardal di que o verán non foi igual de malo ou de bo para todas e todos os empresarios e grupos que teñen hoteis en propiedade. “Houbo aloxamentos que chegaron ao 85% en zonas turísticas e a media será do 60% en agosto, claro que para iso outros non chegaron nin ao 20%”, reflexiona, dando a entender que non é tan sinxelo xeneralizar como o fan os estudos das administracións. 

Garantir a estabilidade das e dos traballadores

O portavoz do Clúster tamén exixe que se deixe de “demonizar á hostalaría da forma en que se está a facer: están a xogar co pan dos nosos fillos e hai que ter un sentido da responsabilidade”.

Pensa que nalgúns casos fan falla esas medidas drásticas para parar as ondas de contaxios pero tamén é igualmente preciso “manter a estabilidade económica das e dos traballadores”.

Cabe recordar que, por moitos empregos que se perderan nesta campaña pola crise sanitaria e a recesión económica conseguinte, o sector da hostalaría e do comercio (dúas partes importantes para atraer o turismo) seguen a manter á maior parte das familias galegas. “Na crise do ladrillo o turismo acolleu operarios da construción pero agora non sabemos que vai pasar, como vai ser a reactivación do sector turístico”, recoñece Pardal.

Os alugueres dos negocios ou as hipotecas e créditos para pagalos pasan igual todos os meses (o mesmo que algunhas facturas), malia que estean fechados ou que facturen unha terceira parte do que movían antes da pandemia.

O empresariado pide ás Administracións que “poñan as pilas” porque, entenden, “o bono turístico non é ningunha axuda directa”. Até o de agora prefiren os cartos que a Xunta oferta a persoal sanitario e do ámbito da atención social porque repercute directamente nas reservas de hospedaxes, restaurantes...

Comentarios