Patxi Ruiz fai 10 días en folga de fame e sede na prisión de Murcia II. O preso vasco iniciou esta folga en protesta polas ameazas de morte e represalias que afirma que se realizaron desde a dirección do centro penitenciario após as protestas na prisión pola situación que o coronavirus xera nos cárceres.
Ruiz perdeu máis de 10 quilos de peso desde o inicio da folga e sinte dores profundas nos riles, indican desde o movemento Amnistia ta Askatasuna (ATA), que denuncia que “por terceiro día consecutivo”, o médico non visitou o preso.
Nestes días, e en diferentes puntos de Euskal Herria, están a decorrer concentracións e mobilizacións de solidariedade para con este preso de Iruña. Tamén folgas de fame en solidariedade como as que están a decorrer en Gasteiz, Ondarroa ou a marxe esquerda da ría de Bilbao.
Diversos presos vascos iniciaron accións de apoio a Patxi Ruiz, segundo ATA. Así, presos como Mikel San Sebastián iniciaron unha folga de fame indefinida. Outros rexeitan as bandexas de comida que ofrece o cárcere ou realizan 'txapeos' (néganse a saír da cela).
EH Bildu anunciou a través dun comunicado que a súa deputada Bel Pozueta “realizará xestións” para poder visitar “de maneira urxente” a Patxi Ruiz. Ao tempo denuncia e critica a “política de excepción” que o Goberno español "aplica aos presos e presas vascas”.
Patxi Ruiz cumpre actualmente 30 anos de prisión aos que foi condenado cando, como militante de ETA, participou nun atentado mortal contra un concelleiro de UPN en 1998.