A presión sindical obriga Indra a retirar o ERTE

CIG denunciara que o expediente era unha “fraude de lei”.


 

Multinacional Indra (Nós Diario)
photo_camera Multinacional Indra (Nós Diario)

Indra retirou finalmente o polémico ERTE que quería aplicar e que a representación laboral considraba que estaba “en fraude de lei” e que tentaba introducir unha rebaixa salarial "pola porta de atrás".

A CIG mostrou a súa satisfacción pola retirada do expediente de regulación temporal de emprego que a empresa quería aplica “aproveitándose da situación de emerxencia sanitaria”.

A central nacionalista explica que rexeitou dende o principio este paquete de medidas posto que a empresa pretendía aplicarllas a un terzo do cadro de persoal até o 15 de xullo e meter "pola porta de atrás" unha modificación substancial das condicións de traballo (cunha redución salarial de entre o de entre un 3% e un 25%), sen achegar a máis mínima información que acreditara a necesidade de levar adiante ningunha das medidas propostas: “nin a suspensión dos contratos, nin as reducións de xornada, nin a rebaixa das retribucións”.

INDRA é a maior tecnolóxica do Estado español, lembra a CIG, que conta con participación pública estatal, e ten 90% do seu cadro de persoal facendo teletraballo e presta soporte técnico a servizos públicos (como o SERGAS e a Xustiza) e privados (como R Cable, entidades bancarias, etc.) que na crise actual son de vital importancia para o funcionamento dos servizos básicos e esenciais.
 

Comentarios