O presidente uruguaio salienta nunha xuntanza con Ana Pontón a importancia da colectividade galega para o seu país.

A portavoz nacional do BNG considera “inspirador” o proxecto do Frente Amplio que demostrou que se pode saír da crise xerando benestar para a maioría social.

ana miranda ana ponton tabare vazquez
photo_camera Ana Miranda, Ana Pontón e Tabaré Vázquez.

A portavoz nacional, Ana Pontón, e a eurodeputada, Ana Miranda, reuníronse, no marco da súa viaxe a Arxentina e Uruguai, co presidente uruguaio Tabaré Vázquez, con quen analizaron durante unha hora a actualidade política de ambos os dous países e do contexto internacional, un encontro no que coincidiron en destacar a importancia da colectividade galega neste país.

“Uruguai é, proporcionalmente, o país americano con máis residentes galegos”, indicou a portavoz nacionalista, quen destacou o “cambio transformador” que as políticas desenvolvidas polo Frente Amplio  trouxeron para a sociedade.

“É evidente que a realidade de Galiza e de Uruguai son diferentes, pero as políticas do Frente Amplio son un referente, demostraron como un país pode saír da crise a favor da maioría social con políticas alternativas ás da dereita, demostrou que é posible saír da crise recuperando emprego e benestar para as persoas”, salientou Pontón.

Pontón e Miranda completaron a última xornada en Montevideo con encontros coa diáspora, a través de reunións con responsables do Centro de Galiza e do Patronato da Cultura Galega, co que adquiriu o compromiso de trasladar ao Parlamento a proposta de recuperar o lectorado de galego na universidade de Uruguai, suprimido polos recortes.

Comentarios