Opinión

O presidente das cero transferencias

Nas últimas semanas asistimos a constantes cambios de opinión de Feixoo a respecto da transferencia de competencias. Chegou a defender publicamente e mesmo no Parlamento os traspasos mais foi ver a luz o programa electoral do PP e quitar a carauta. Non resulta estraño ese bloqueo das transferencias pendentes se atendemos aos datos: nos seus mandatos, Feixoo non conseguiu competencia ningunha para Galiza. Trátase dun balanzo que evidencia a postura do PP en relación ao autogoberno: ve a Xunta como unha simple oficina de xestión administrativa supeditada a Madrid.

Nin tráfico e seguridade viaria nin o control sobre as bacías hidrográficas, sobre meteoroloxía, sobre ordenación pesqueira ou sobre o dominio público marítimo-terrestre. Tampouco inspección de traballo nin órganos de coxestión en materia de portos e aeroportos. Será Madrid, que carece de costa, quen continúe a ter as competencias en salvamento marítimo (lembremos o despropósito de xestión durante a catástrofe do Prestige) porque nin o presidente da Xunta nin os grupos políticos con representación en Madrid foron quen de negociar traspasos para Galiza. O nacionalismo vasco si o fixo e logrou para a industria de Euskadi unha tarifa eléctrica e está a piques de conseguir a transferencia da AP68. A AP9, mentres, segue a ser do Estado.

Comentarios