O presidente de Adif: “O accidente podería evitarse co sistema de seguridade ERTMS”

Gonzalo Ferre afirmou que “non existen curvas difíciles” e que a elección do sistema de seguridade nos trens é competencia do operador ferroviario, Renfe.

Tren, angrois
photo_camera Foto: Olalla Rodil

Gonzalo Ferre, presidente do Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (Adif) afirmou que se o tramo no que o Alvia descarrilou en Angrois contase cun sistema de seguridade ERTMS, este accidente podería se ter evitado. “SE ese tramo tivese ERTMS e a máquina tivese o sistema a bordo, ese exceso de velocidade frenaría (o tren) automaticamente”. O presidente de Adif fixo estas contundentes declaracións nunha entrevista en 13TV.

Ferre lembrou, así mesmo, que o sistema de freado do Alvia, o ASFA, só estaba preparado para frear o comboio a partir dunha velocidade superior aos 200 quilómetros por hora, algo que non acontecía no tren accidentado, que circulaba a 190 qm. O presidente de Adif cifrou en 9.000 os quilómetros de vías existentes no Estado español que teñen o sistema ASFA. No que atinxe ao tramo de Ourense a Compostela, que na parte final da mesma houbese ASFA e non ERTMS, malia ser vía de alta velocidade, responde a unha decisión do operador ferroviario, sinalou Ferre, en referencia a Renfe

Curva

O máximo responsábel de Adif afirma que este organismo “só xestiona a vía e poñemos a disposición os sistemas de seguridade. O operador ferroviario toma as decisións que considera oportunas e embarca os sistemas de seguridade que considera oportunos”.

No que respecta á dificultade para trazar a curva da Grandeira, Gonzalo Ferre afirmou que “non existen curvas difíciles e todo consiste” en tomala tal e como está prescrito.


 

Comentarios