Normalización

A presidenta de Nafarroa rexeita oficializar o éuscaro en toda a Comunidade Foral

En resposta a unha pregunta de EH Bildu a respecto da sentenza do Tribunal Superior de Xustiza Navarro (TSXN), María Chivite di que "non hai maioría social nin política" que sustente a medida e que "vai manter a zonificación".

[Imaxe: EH Bildu] Bakartxo Ruiz, portavoz de EH Bildu no Parlamento de Nafarroa
photo_camera [Imaxe: EH Bildu] Bakartxo Ruiz, portavoz de EH Bildu no Parlamento de Nafarroa

A pasada semana o Tribunal Superior de Xustiza de Nafarroa (TSXN) estimaba parcialmente os recursos presentados por UXT e Sindicato do Personal Administrativo contra o decreto do uso do éuscaro nas administracións, unha medida a prol da normalización da lingua propia de Euskal Herria impulsada polo Goberno da nacionalista Uxue Barkos (2015-2019).

Esta quinta feira, en resposta á pregunta de EH Bildu sobre a sentenza do TSXN, a actual presidenta do Goberno de Nafarroa, a socialista María Chivite, asegurou que o Executivo foral "vai manter a zonificación" que oficializa ou non o éuscaro segundo as tres áreas xeográficas nas que se divide a Comunidade para esta cuestión lingüística.

Supeditación á dereita

Chivite considerou, ademais, que “non hai maioría social nin política” que acompañe os argumentos de EH Bildu, informan os medios vascos. A formación independentista avoga pola oficialización do éuscaro en toda Nafarroa.

A súa voceira parlamentaria, Bakartxo Ruiz, lamentou a actitude de Chivite de “andar con andrómenas” e “xogar á ambigüidade”, que “responde á incapacidade de romper as amarras do que está suscitando a dereita”, a cal "di que o éuscaro se debe restrinxir ao ámbito doméstico e escolar".

Comentarios