Imprimir

Os Premios Mestre Mateo entregaranse o 27 de febreiro no Teatro Colón

Redacción | 13 de xaneiro de 2021

Tito Asorey
Tito Asorey
Tito Asorey e Lucía Veiga son as persoas encargadas de dirixir e presentar a gala. As candidaturas finalistas anunciaranse o próximo 1 de febreiro.

O actor e director teatral Tito Asorey, xunto á actriz e monologuista Lucía Veiga, serán as persoas encargadas de dirixir e presentar a gala de entrega dos XIX Mestre Mateo, que terá lugar o vindeiro 27 de febreiro no Teatro Colón da Coruña.

Asorey, que conta cunha dilatada carreira como director teatral, é tamén un rostro coñecido polo público galego, polas súas interpretacións en series como Serramoura. Considera complicado definirse cunha soa etiqueta, pois "hai momentos nos que me sinto máis un director que actúa, e outros, un actor que dirixe", confesa.

A concepción da gala contará co guión de Manolo Cortés, quen xa traballou con Asorey en ocasións anteriores, e que promete un espectáculo "que sexa unha festa, unha celebración do noso audiovisual", con "optimismo e que nos axude a sentirnos conscientes e orgullosos do noso", nun ano particularmete complicado para o sector da cultura.

"En épocas de crise, a cultura sempre é un dos eidos máis afectados, porque somos considerados prescindíbeis", opina Veiga. Porén, lembra que "no 2020 dos confinamentos, do illamento, das distancias e dos feches, o único ao que nos puidemos aferrar para non murchar foi á cultura".

Para esta filóloga de formación, pero actriz e improvisadora de vocación, "os Premios Mestre Mateo deben servir como recoñecemento e escaparate do esforzo do sector, como homenaxe ao traballo en condicións extremas e aos traballos que tiveron que parar, e como proba de que somos axentes imprescindíbeis da sociedade".

O evento será emitido, como en anos anteriores, pola Televisión da Galiza, e nel daranse a coñecer os profesionais e obras gañadoras en cada unha das 25 categorías.

As candidaturas finalistas anunciaranse o próximo 1 de febreiro, nun acto que arrincará un mes de celebración do talento audiovisual galego. A Academia Galega do Audiovisual está tras a organización, co apoio do Concello e a Deputación da Coruña, e a Axencia Galega das Industrias Culturais.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/cultura/premios-mestre-mateo-entregaranse-27-febreiro-teatro-colon/20210113143556113660.html


© 2021 Nós Diario