UNHA NOVA PESCUDA DE CILIA TORNA

A prehistoria da UPG (LP) e do PGP

O proceso de conformación da UPG (Liña – Proletaria) e de seguido do Partido Galego do Proletariado é o resultado dun debate que vai ocupar todo o ano 1977 entre dúas tendencias do que no momento coñecíamos como movemento nacional–popular.

.
photo_camera .

Estas dúas tendencias mantiñan naquela altura unha forte confrontación e unhas fondas diverxencias derivadas en parte da inimizade manifesta entre as súas figuras máis representativas.

A un lado, un núcleo de militantes como as Irmás Cid Cabido, Xerardo Rodríguez ou Pousada Covelo agrupados arredor da figura de Xosé Luís Méndez Ferrín que un tempo antes fora expulsado da UPG polo grupo dirixente que entón formaban Xosé González Martínez, o “home forte” na altura da organización, e Xosé Manuel García Crego, secretario de organización. Noutro lado, homes e mulleres como Iago Santos, García Crego ou Vicente López que abandonaran a UPG en solidariedade con Xosé González, “Pepe de Teis” expulsado deste partido, co voto favorable da totalidade do seu Comité Central agás, o de de García Crego, o 7 de  Novembro de 1976.

Ferrín, coñecedor da expulsión de Xosé González, “Pepe de Teis” , dous días despois de que esta se producise, solicita de novo a incorporación a UPG, cursando á mesma ao Comité de Zona de Vigo

Xosé Luís Méndez Ferrín, coñecedor da expulsión de Xosé González, “Pepe de Teis” , dous días despois de que esta se producise, solicita de novo a incorporación a UPG, cursando á mesma ao Comité de Zona de Vigo. O escritor de Vilanova dos Infantes xustifica a súa decisión afirmando que non había razóns para non volver a este partido, atendendo a que seguía militando activamente na AN-PG e na UTEG e afirmando a identificación plena coa nova liña que marcaba a UPG ao desterrar o caudillismo, o autoritarismo e o sectarismo que asociaba coa práctica de “Pepe de Teis”. As razóns que levaron a este último a expulsar a Ferrín estaban ligadas á particular visión do compromiso e da disciplina militante do un e do outro pero tamén a unha forte carga persoal de inquina mutua.

Xosé González solicita a readmisión

Xosé González Martínez, á vista do estado de opinión da dirección da UPG e da resolución que viña de acordar, remite unha carta ao Secretariado Político deste partido, utilizando como canle a un membro deste organismo, o 10 de Novembro de 1976, na que afirma o seu desexo de seguir militando nesta organización e por conseguinte solicita a súa readmisión. Os argumentos do de Teis nesta carta pasan por asumir boa parte das críticas que lle foran formuladas no Comité Central, se ben as analiza no contexto de buscar o mellor para a organización, explica a súa situación persoal que recoñece que puido levalo a cometer unha serie de erros e mostra a súa disposición a facer a autocrítica que se considere e en definitiva a corrixir o que fora a súa practica política anterior. 

Un e outro, isto é, Ferrín e Xosé González, demandan celeridade na resposta a súa solicitude. Así o escritor de Vilanova dos Infantes déralle un prazo dunha semana ao Comité de Zona de Vigo para que resolvese o seu caso e o de Teis, máximo responsábel da UPG desde 1971 até o momento, sen fixar un prazo concreto, condiciona a súa volta ao partido a unha resposta urxente. Nun caso é máis noutro non foi necesaria a resposta, posto que Ferrín, ao ver adiada a resolución a súa demanda, conclúe en seguir na situación anterior e Xosé González, xa en Xaneiro de 1977, remite outra carta na que acusa á dirección da UPG de “inimigos de clase” e de estar disposta a facerlle o xogo aos reformistas españois. Aquí comeza o reencontro de quen até o momento foran dous inimigos irreconciliábeis.

A historia a partir de aquí comeza a ser outra e nun proceso non exento de complicacións, empezan ao darse os paso -aí están como testemuña o “Documento dos 16”, a folla voandeira distribuída pola UPG(LP) o Día da Patria Galega de 1977 ou os Terra e Tempo editados por este mesmo grupo- que remataran coa constitución do Partido Galego do Proletariado en Marzo de 1978.

Comentarios