Opinión

Precisamos da inmersión lingüística

PP e Cs desenvolven una absurda competición por lle amosar á cidadanía quen é máis españolista. Deste xeito, o Goberno do Estado estudou a introdución do castelán como lingua vehicular, mentres Cs vén de propor una reforma da lei básica estatal de emprego público para que ningunha das autonomías bilingües poida esixir o coñecemento da lingua propia, que só podería avaliarse como simple mérito.

O galego na Galicia e o catalán na Catalunya non son linguas minoritarias, senón as linguas propias de cadanseus países, ademais amplisimamente espalladas en termos de comprensión pasiva e uso activo, tanto na lectoescritura como na oralidade. Mais si son linguas minorizadas. Porque a Constitución e os Estatutos construíronse sobre a preeminencia do castelán, que todos temos o deber de coñecer, mentres non se pode esixir o recíproco coñecemento da lingua propia. Para máis, o castelán é omnipresente na vida empresarial, cultural, informativa, de lecer…A desigualdade é abafante e o Estado só mira pola lingua castelá. “Siempre fue la lengua compañera del Imperio”, que dicía Nebrija.   

A Constitución e os Estatutos construíronse sobre a preeminencia do castelán, que todos temos o deber de coñecer, mentres non se pode esixir o recíproco coñecemento da lingua propia

 

Entón, como única vía de garantir os dereitos lingüísticos dos galegofalantes e unha educación común e inclusiva precisamos blindar certos ámbitos da educación ao galego como lingua vehicular. O actual modelo limitativo do galego, implantado por Feijóo no 2010, fracasou na garantía do coñecemento fluente de ambas as dúas linguas ao remate do ensino obrigatorio. E, no actual contexto de minorización, só un uso vehicular do galego en termos do 60-70% do tempo lectivo pode reverter esta falla de coñecemento efectivo da nosa lingua. Como tamén cómpre garantir un uso equilibrado (loxicamente bastante menor) do inglés que garanta un coñecemento real e xeralizado, non reservado a uns poucos privilexiados, desta lingua como lingua franca europea e universal. Porque o castelán entra xa por pura ósmose social.

A inmersión lingüística en galego, como a súa esixencia para traballar en calquera emprego público e a equiparación xurídica real co castelán, son medidas precisas non só para garantir os dereitos lingüísticos das persoas, senón mesmo para garantir o dereito de todos a unha educación común e inclusiva. 
        
      

Comentarios