Opinión

Precedentes históricos do artigo 155

Gústanme tres definicións encol do concepto de historia, procedentes de distintas concepcións ideolóxicas. A humanista latina:”historia est magistra vitae”, a marxista: ”O Pobo que descoñece o seu pasado está condenado a repetilo a a xeito de traxedia ou de farsa" e a do historiador francés asasinado polos nazis Marc Bloch: ”Os erros do presente nace inexorablemente do descoñecemento do pasado”. As tres acáenlle ao tema que imos analizar: os acontecemento que están a acontecer en Cataluña.  

O coñecemento do pasado é apaixonante. Mágoa que poucos se deteñan nel para extraer leccións para o presente e, sobre todo, para o porvir. Subministra saborosos elementos de reflexión para a análise e a posible solución dos problemas actuais, especialmente despois da aplicación do artigo 155 polo goberno español. É verdade que os acontecementos relativos ao procès cabalgan en tropel, en tan variadas e insospeitadas direccións, que resulta moi difícil examinalos coa necesaria serenidade. Por iso as colaboracións nos medios de comunicación como esta, que deberían ser elaboradas con paciencia, conciencia e discernimento, resultan ás veces superadas polo atropelado discorrer dos feitos. Pero un científico social comprometido co pasado, e tamén co presente, como ten que ser un historiador que se gabe de tal, obrigado é que transmita rigor analítico. Iso é o que procurarei levar a cabo, para que o lector saque as súas propias deducións.

É verdade que os acontecementos relativos ao procès cabalgan en tropel, en tan variadas e insospeitadas direccións, que resulta moi difícil examinalos coa necesaria serenidade

 

A primeira conxuntura poderíamos denominala: absolutista-olivárico-austracista. Insírese temporalmente cara os anos 1640. O Valido todopoderoso D. Gaspar de Guzmán e Pimentel, Conde-Duque de Olivares, tan ben retratado por Velázquez montado a cabalo nunha ambiciosa pose de poder, quixo implantar unha política asimilista nos territorios da Coroa, como amosa con claridade este texto premonitorio do 23 de decembro de 1624, onde lle doa consellos de ton uniformador ao rei Filipe IV:

[......] Tenga V. M. por el negocio más importante de su monarquía el hacerse rey de España; quiero decir, Señor, que no se contente V. M. con ser rey de Portugal, de Aragón, de Valencia, conde de Barcelona, sino que trabaje y piense con consejo maduro y secreto por reducir a estos reinos de que se compone España al estilo y leyes de Castilla, sin ninguna diferencia.

[.....] Tres son, Señor, los caminos que a V. M. le puede ofrecer la ocasión y la atención en esta parte, y aunque diferentes, mucho podría la disposición de V. M. juntarlos, y que, sin parecerlo, se ayudasen el uno al otro. 

El primero, Señor, y el más dificultoso de conseguir (pero el mejor pudiendo ser), sería que V. M. favoreciese los de aquellos reinos, introduciéndolos en Castilla, casándolos en ella, y los de acá allá, y con beneficios y blanduras los viniese a facilitar de manera que, viéndose casi naturalizados acá con esta mexcla, por la admisión a los oficios y dignidades de Castilla, se olvidasen los corazones de manera de aquellos privilegios que, por entrar a gozar de los de este reino igualmente, se pudiese disponer con negociación este unión tan conveniente y necesaria.

El segundo sería si, hallándose V. M. con alguna gruesa armada y gente desocupada, introdujese el tratar de estas materias por vía de negociación, dándose la mano aquel poder con la inteligencia, y procurando que, obrando mucho la fuerza, se desconozca lo más que se pudiere, disponiendo como sucedido acaso lo que tocase a las armas y al poder.

El tercer camino, aunque no con medio tan justificado, pero el más eficaz, hallándose V. M. con esta fuerza que dije, ir en persona como a visitar aquel reino donde se hubiese de hacer el efecto, y hacer que se ocasione algún tumulto popular grande, y con este pretexto meter la gente, y con ocasión de sosiego general y prevención de adelante, como por nueva conquista, asentar y disponer las leyes en la conformidad de las de Castilla, y de esta manera irlo ejecutando en los otros reinos”.

Con posterioridade o Conde-Duque pretendeu realizar esa política mediante a unión fiscal e de armas, aproveitando a guerra contra Francia. A presenza e os abusos das tropas castelás en Cataluña provocaron unha revolta popular que derivou nun levantamento xeral e a proclamación dunha república independente catalá, mais baixo protectorado galo, xa que logo esta secesión hai que entendela no marco internacional do conflito pola hexemonía entre Francia e España, lideradas daquela polos dous Validos, Richelieu e Olivares. A contenda remataría coa sinatura do Tratado dos Pirineos (1659), que supoñería a perda da Catalunya Nord. Os cataláns decatáronse que a flor de lis gala era máis áspera que as aguias habsbúrguicas, Quizais por iso no seguinte conflito de 1704-1714, a chamada guerra de sucesión, optarían polo candidato austracista. Neste alzamento de 1640 está a orixe do himno catalán, “Els segadors”.  

A segunda tesitura, a comezos do século XVIII, puideramos cualificalo como borbóbico-felipista. Despois da citada Guerra de Sucesión (1704-1714) -na que os cataláns se decidiron por Carlos, o pretendente austracista, fronte ao borbónico, Filipe V-en 1714 produciuse a conquista militar de Cataluña, a promulgación dos Decretos de Nova Planta e a abolición das institucións catalás. A ocupación de Barcelona o 11 de setembro de 1714 é a efméride que conmemora a Diada, Día da Patria Catalá. Debe ser o único país do mundo que celebra unha derrota no seu Día Nacional.

A ocupación de Barcelona o 11 de setembro de 1714 é a efméride que conmemora a Diada, Día da Patria Catalá. Debe ser o único país do mundo que celebra unha derrota no seu Día Nacional

 

O terceiro intre poderíamos chamalo republican-reformista e corresponde aos inicios da II República en 1931. Froito das eleccións do 12 de abril de 1931, proclamouse a República o día 14. En Cataluña trunfaron as candidaturas de Esquerra Republicana. O seu líder, Francesc Macià, proclamou a República Catalá, abrindo un enfrontamento co Goberno provisional da República. Para resolvelo, tres días máis tarde, foron enviados a Barcelona para negociar tres ministros do mencionado goberno, Marcel-lì Domingo, de Esquerda Republicana; Lluis Nicolau D'Olwer, catalanista de Acció Catalana Republicana, ámbolos dous cataláns, e Fernando de los Ríos, socialista. Alcanzaron un acordo polo que Macià renunciaba á República catalá en troques do compromiso do Goberno Provisional de que presentaría nas futuras Cortes Constituíntes un Estatuto de Autonomía para Cataluña e de que sería restaurada de maneira inmediata a Generalitat. Diálogo, negociación e pacto: un xeito lóxico e razoable de entender e normalizar as relacións políticas, calidades que os filósofos escolásticos concedían aos animais racionais bípedes. 

O cuarto antecedente, avesamente aludido non hai moito tempo por “unha mente preclara” do PP, que alcuñaríamos de republicano-dereitista, tivo lugar o 7 de outubro de 1934, durante o Bienio Negro, Dereitista ou Radical-Cedista. Após a entrada no goberno de tres ministros da CEDA, desatouse unha folga revolucionaria, convocada polos socialistas en outubro de 1934 en diversos territorios do Estado, con efecto especial en Cataluña, Asturies e o País Vasco. O 6 de outubro Lluis Companys, que substituira Macià como president da Generalitat tras a morte deste o 25 de decembro de 1933, acusou o goberno español de “Fascista e monarquizante” e proclamou “O Estado Catalán dentro da República Federal española”, convidando os republicanos de esquerda de toda España a estabelecer un goberno provisional da República en Barcelona. Interveu o exército ao mando do xeneral Domingo Batet, quen sería fusilado en 1936 en Burgos por manterse fiel á República, e sufocou o levantamento con case 50 mortos. Foi suspendida a autonomía catalá, o seu goberno en pleno entrou na cadea e foi condenado a varios años de cárcere nun xuízo celebrado en 1935. Sairía do presidio en virtude da amnistía de 1936, incluída no programa dos partidos da Fronte Popular, vitoriosa nas eleccións do 18 de febreiro de 1936.

A suspensión da autonomía catalá producírase ó abeiro da Lei de defensa da República, promulgada o 21 de outubro de 1931, que foi incorporada á posterior Constitución republicana (9-12-1931) na súa disposición transitoria 2ª, malia que conculcaba algúns artigos constitucionais (28, 34, 38, 39 e 41). Sería substituída por unha lei de Orden Público de 28 de xullo de 1933. Ambas aplicáronse en moitas ocasións e, por suposto, nesta ocasión de 1934 a de xullo de 1933, que estabelecía o estado de prevención, de alarma e de guerra para defender a República. Non deberíamos esquecer que Lluis Companys foi asasinado polo réxime franquista o 15 de outubro de 1940, despois de entregalo os nazis por Irún o 29 de agosto do mesmo ano. Foi un caso único en Europa do fusilamento do presidente dun País. Por certo, tamén foi vilmente asasinado na serra do Guadarrama en agosto de de 1936 o deputado de ERC e presidente do Barcelona Club de Fútbol, Josep Sunyol i Garriga. Non estaría desaxeitado lembrar que a revolución de outubro tivo repercusións en Galiza cos desterros de Alexandre Bóveda a Cádiz e Castelao a Badaxoz, onde “morría de noxo até o bispo” e non fixo máis amizades que “un can e un zapateiro".

Foi suspendida a autonomía catalá, o seu goberno en pleno entrou na cadea e foi condenado a varios años de cárcere nun xuízo celebrado en 1935

 

Asistimos agora a unha quinta e nova acometida, que ousamos denominar constitucionalista-unionista: aplicación pura e dura do ambiguo artigo 155, que está dotado dun saco sen fondo. Comporta a suspensión da autonomía catalá, a intervención do Estado, a asunción das competencias estatutarias, inicialmente o encarceramento dos presuntos cabezaleiros da revolta e unha previsible escalada da tensión, cuxo desenlace final é imprevisible, sen ter dialogado nin negociado previamente e tendo actuado a máxima xerarquía do Estado máis como un axitador incendiario que como un obrigado árbitro.

É certo que algunhas das Constitucións do entorno europeo conteñen mecanismos moi parellos ao artigo 155 da Constitución española: artigo 16 en Francia, artigo 126 en Italia e artigos 37, 84 e 85 en Alemaña. Os tratadistas mencionan con asiduidade a Lei Fundamental alemá de 1949, que non se chama Constitución. Pero, a respecto da situación española, é preciso subliñar algunhas diferenzas non tan accidentais. Os artigos correspondentes á intervención e suspensión das competencias dos Landers, nunca se aplicaron, son máis precisos e específicos e non tan ambiguos como o 155 español. Ademais, foron modificados en numerosas ocasións, pois é  lóxico que o dereito deba ir acomodándose á realidade e non ao revés. Por último, e isto é unha diferenza fundamental, en Alemaña son os Landers quen posúen a soberanía orixinaria e eles en virtude de súa autodeterminación consumaron a unidade alemá, como reza o seu preámbulo, modificado o 31 de agosto de 1990:

En Alemaña son os Landers quen posúen a soberanía orixinaria e eles en virtude de súa autodeterminación consumaron a unidade alemá,

 

Consciente da súa responsabilidade ante Deus e ante os homes, animado da vontade de servir á paz do mundo, como membro con igualdade de dereitos dunha Europa unida, o pobo alemán, en virtude do seu poder constituínte, outorgouse a presente Lei Fundamental. Os alemáns, nos Länders de Baden−Wurtemberg, Baixa Saxonia, Baviera, Berlín, Brandeburgo, Bremen, Hamburgo, Hesse, Mecklemburgo−Pomerania Occidental, Renania do Norte−Westfalia, Renania−Palatinado, Saxonia, Saxonia−Anhalt, Sarre, Schleswig−Holstein e Turinxia, consumaron, en libre autodeterminación, a unidade e a liberdade de Alemaña. A presente Lei Fundamental rixe, pois, para todo o pobo alemán

Se queremos copiar de outros pobos, non fagamos coma os malos estudantes chuletas interesadas ad rem do modelo nin xoguemos con cartas marcadas de trileiro. Se a soberanía só reside no pobo español e el é xuíz e parte, sempre gaña o arteiro ou o dono da baralla.

Semella que en España a reflexión serena brilla pola súa ausencia entre os políticos e seguen os versos de Antonio Machado: “De cada diez cabezas, nueve/embisten, y una piensa./Nunca extrañéis que un bruto/se descuerne luchando por la idea”. 

Comentarios