O precedente do Karviná checo, un cravo ardendo para que o Dépor evite o descenso a Segunda B

A federación nacional determinou que os descensos quedaban anulados logo dun brote de coronavirus en dous equipos que pelexaban por non descender e que a Liga 2020/21 pasaría a ser de 18 equipos en lugar de 16. A seguinte tempada recuperaríase o número habitual programando un só ascenso e tres descensos directos. 

Tanto Karnivá como Opava (xogadores de ambos equipos na imaxe) zafaron do descenso logo de que a federación os anulase após detectar casos de Covid-19. (Foto: Nós Diario).
photo_camera Tanto Karnivá como Opava (xogadores de ambos equipos na imaxe) zafaron do descenso logo de que a federación os anulase após detectar casos de Covid-19. (Foto: Nós Diario).

O Deportivo da Coruña ten un cravo ardendo ao que agarrarse para tratar de evitar o descenso a Segunda B... no fútbol checo.

A República Checa é un país no que viven pouco máis de 10 millóns de seres humanos e no que a pandemia do coronavirus mostra unha alta taxa de expansión, de 131,83 doentes confirmados por cada 100.000 habitantes.

Pese a estes datos, que están lonxe de poder ser considerados como positivos, a Liga Fortuna -que é como denominan á máxima categoría- retomou a competición o 25 de maio para finalizar tanto a propia Liga como unhas posteriores fases de grupos nas que se enfrontan: os seis mellores clasificados, que loitan polo título; catro equipos que pelexan por entrar na Europa League; e os seis últimos clasificados, para asegurar a permanencia.

Con público nas bancadas -a diferenza do que acontece na maioría dos países- os partidos foron desenvolvéndose con normalidade até que un rebrote nas minas de carbón do nordés afectou fortemente a zona de Karviná, de onde procede o equipo MFK Karviná, escuadra que competía por non descender e que rexistrou sete positivos entre o cadro de xogadores.

Tras varios adiamentos, a federación nacional chegou a un acordo para xogar eses encontros en xullo, mais novos casos positivos, esta vez entre os xogadores do Opava -que tamén pelexaba no grupo por salvar a categoría- levounos a suspender o torneo e determinar que os descensos quedaban anulados, a pesar de que tanto Karnivá como Opava eran os principais candidatos a descender, con permiso do FK Příbram, e que a Liga 2020/21 pasaría a ser de 18 equipos en lugar de 16. A seguinte tempada recuperaríase o número habitual programando un só ascenso e tres descensos directos. 

Comentarios