MUNICIPAIS2015

A precampaña ao vivo

Recollemos os principais actos políticos e as declaracións dos líderes das distintas formacións nunha nova fin de semana marcada pola proximidade das eleccións municipais do 24 de maio. 

photo_camera Convención municipal Compromiso [foto CxG]


BNG-Asambleas Abertas

O voceiro nacional do BNG, Xavier Vence, compareceu este sábado antes do encontro nacional en Pontevedra para “insuflar enerxía” as candidaturas nacionalistas. Vence chamou a que nas próximas eleccións municipais a cidadanía “pase páxina” das políticas do PP que "están esnaquizando as conquistas sociais" e "sumindo ás institucións e concellos nun mar de corrupción”. Sinalou que o BNG-Asambleas Abertas parte cun proxecto de “transformación”, no que a mocidade terá un peso especial.

PSdeG

Os socialistas galegos celebraron a convención municipal en Santiago de Compostela. Abriu o acto o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, que fixou como obxectivo da súa formación evitar que o PP teña maioría absoluta en ningunha cidade. Besterio referiuse aos casos de corrupción que atinxen aos populares e afirmou que “a dereita esfórzase en saquear España”, en relación ao 'lapso' da líder do PP María Dolores de Cospedal. 

Anova

A Irmandade nacionalista contará con máis de 60 candidaturas nos concellos galegos, segundo informou o voceiro de Anova, Xosé Manuel Beiras. A forza concorrerá aos comicios municipais por tres vías: dentro das mareas, en frontes amplas onde non existen candidaturas cidadás e como marca propia en oito localidades do país. “Hai dous meses ninguén apostaría un duro porque se lograse esta cifra”, sinalou Beiras, que insistiu en que a proposta de Anova “contribúe a darlle pulo á cidadanía como motor para a mutación do mapa político”.

Compromiso por Galicia

O secretario xeral de Compromiso, Xoán Bascuas, confiou en que as súas candidaturas sexan peza chave “na maioría de gobernos de Galiza”. Bascuas adiantou que os posíbeis pactos dependerán de tres premisas: “a transparencia, a rexeneración democrática e a creación de emprego”. O líder de Compromiso negou que a súa forza sexa un “experimento” e destacou que “traballarán cos pés na terra pero coa cabeza mirando ao ceo”.

PP

Os populares presentaron o seu programa en Vigo con 250 propostas para facer unha cidade “máis competitiva, humana e igualitaria”, dixo a candidata do PP e anterior conselleira de Facenda, Elena Muñoz, durante un acto no Hotel Zenit. A aspirante á alcaldía de Vigo propuxo medidas en materia de emprego e de acción social como eixos da súa campaña.

UPyD

A líder de UPyD, Rosa Díez, participou do acto da forza maxenta en Lugo para apoiar as candidaturas municipais. Díez expresou o seu “orgullo” ante a militancia da formación despois de “sufrir unha crise seria e moi dura”. Porén, a presidenta de UPyD defendeu que as candidaturas do seu partido están formadas por xente “seria e digna”.

Comentarios