O principio de acordo co Eurogrupo divide Syriza

Parlamentares da formación avanzaron que se oporán ao pacote de medidas proposto polo executivo de Alexis Tsipras.

Manifestación PAME
photo_camera Manifestación da PAME [Imaxe arquivo]

O principal indicador de que na xornada de onte as conversas entre o goberno grego e os Estados membros da eurozona poderían culminar en acordo nos vindeiros días foi a suba récord experimentada polas bolsas. Porén, as informacións que trascenderon á imprensa internacional limítanse a pequenas filtracións dos documentos de traballo que na segunda feira presidiron as xuntanzas entre @s responsábeis de Finanzas da zona euro e as respectivas xefaturas de estado e de goberno. 

Porén, todo apuntaría a que Alexis Tsipras podería acceder a unha ampliación do resgate (7.200 millóns de euros) a cambio dun plan de reformas no que se mantén con viveza a austeridade que rexeitan as rúas gregas. 

Neste senso, o executivo heleno ou cando menos as persoas que teñen encomendada a tarefa de negociaren (Alexis Tsipras e Yanis Varufakis) estarían en disposición de ultrapasar as súas liñas vermellas para desbloquear as conversas e acceder a novas liñas de crédito coas que facer fronte, entre outras cuestións, ao inminente cobro do FMI (30 de xuño). Aliás, poderían ceder a unha das súas principais exixencias, a re-estruturación da débeda e a posibilidade de se introducir unha quita. 

Un hipotético acordo entre Tsipras e o Eurogrupo foi rexeitado polo sector crítico de Syriza que tilda de "antisociais" e "extremas" as medidas de axuste previstas 

Desde Bruxelas asegurou Junker, non é momento de que estas cuestións se traten. Unha posición que tamén defendeu Angela Merkel. A chanceler alemá sinalou que estaría disposta a valorar a posibilidade dunha quita mais non antes de dar por rematadas as negociacións para este novo tramo do resgate, o que deixa a Syriza nunha posición complexa. 

Unha fenda en Syriza

E é que o Parlamento grego, a comezar polas dúas forzas que compoñen o executivo (Syriza e Anel) non están de acordo. A ultradereita, socia de goberno de Tsipras, rexeita un novo plan de axustes e o sector crítico de Syriza tamén. Neste senso, divers@s parlamentares avanzaron que votarían en contra no Parlamento se o acordo co Eurogrupo chega a votarse. 

Alexis Mitropulos, vice-presidente da Cámara, asegurou que o seu rexeitamento reside nun conxunto de medidas "antisociais" e "extremas" que exixirían unha importante suba de impostos para incrementar en 8 millóns de euros adicionais os ingresos da facenda pública grega entre 2015 e 2016 e a reforma das pensións. 

Un plan de axuste que sería "peor que o primeiro resgate" e "unha lápida para Grecia", sinalou o deputado de Syriza Yanis Mijeloyanakis

Concentracións populares nas prazas gregas amosarán o rexeitamento social a un plan de axuste "peor que o primeiro resgate"

Pola súa banda, o portavoz do executivo grego, Gabriel Sakellardis, lanzou un chamamento á unidade do grupo e do propio goberno pois, sinalou, "non se manterá sen a luz verde da maioría dos seus deputados o acordo entre Atenas e os seus acredores". 

Mobilizacións opeararias

Mais a perda de apoios non só se reflicte na división interna de Syriza senón tamén nas prazas e rúas da capital. Após a manifestación do domingo na Praza Syntagma o sindicato PAME, Fronte Militante de Todos os Traballadores gregos, convocou unha mobilización popular para esta terza feira na Praza Omonia á fin de "impedir o novo acordo salvaxe anti-pobo". 

Organizacións sindicais reclaman o fin da austeridade e a saída do euro.

Comentarios