O PPdeG “celebra” a súa "vitoria" nas eleccións do domingo (5-A), suspendidas hai 3 semanas polo coronavirus

O secretario xeral do Partido Popular da Galiza di que é unha “honra” e un “orgullo” os resultados dunha enquisa que analiza a intención de voto nestes días e que outorga ao seu partido 44 escanos. 

tellado feixoo PP imaxe do Flickr do PPdeG
photo_camera Miguel Tellado e Núñez Feixoo (Flickr do PPdeG)

O pasado 16 de marzo, hai tres semanas, saltaba a noticia: suspendíanse as eleccións na Galiza e en Euskadi por mor da crise provocada polo coronavirus. Suspendíase a campaña e os comicios ficaban adiados, sen saber aínda a data na que se realizarán finalmente, a expensas da evolución da COVID-19.

A día de hoxe, domingo 5 de abril, Galiza supera as 5.000 persoas infectadas por este virus, das que máis de mil están hospitalizadas (169 delas na UCI) e a cifra de vítimas mortais está xa en 216.

O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, lembraba hoxe a través das redes sociais que era o día fixado para as eleccións e que estas non se realizan ("un virus cruel impediuno"), engadindo que "xa pouco importan as eleccións e as enquisas, cando morren persoas cada día vítimas desta pandemia".

Porén, a seguir, manifestaba que é unha “honra” e un “orgullo” que as e os galegos “revalidarían” e “ampliarían” este 5 de abril o apoio ao PPdeG. 

Unha afirmación que fai en base aos resultados das enquisas que o portal Electomanía realizou ao longo destes días e que outorgan aos de Feixoo 44 escanos, 3 máis dos que ten actualmente.

Esta sondaxe dá 16 representantes no Parlamento ao PSdeG (3 menos), 11 ao BNG (5 máis) e Galicia en Común-Anova Mareas tería 4 ( o espazo político representado por, daquela, En Marea logrou 14 deputados e deputadas).


 


 

Comentarios