A candidatura patrocinada por Núñez Feixóo recibiu o voto en contra de máis do 60% da militancia do PP na Galiza que participou no proceso de primarias. A aposta de Feixóo, María Dolores de Cospedal, a grande derrotada do proceso interno dos populares, resultou vencedora na Coruña, Lugo e Pontevedra, malia conseguir unha porcentaxe de apoio moi inferior ao agardado. En Ourense, co apoio do baltarismo, quen venceu foi a ex vicepresidenta do goberno.
Así, na circunscrición coruñesa, os resultados de Ferrol e A Coruña evidencian a contestación interna á troika dirixente do PPdeG, conformada por Miguel Tellado, Xosé Manuel Rei e Diego Calvo, persoa que se tiña postulado nos últimos tempos como sucesor de Feixóo. Outro tanto aconteceu en territorio lugués, onde a vitoria de Casado na cidade de Lugo, na Mariña e na Terra Chá puxo ao descuberto as diverxencias da afiliación destas zonas co aparato provincial, encabezado por Helena Candia e desde a sombra por Xosé Manuel Balseiro, significándose a aposta do sector de Raquel Arias no vicesecretario de comunicación do PP. Unha foto semellante atopámola en Pontevedra, o territorio onde Cospedal recibe unha porcentaxe menor de votos, aspecto que as fontes consultadas do partido ligan ao malestar existente coa equipa de Alfonso Rueda.
Ourense, por libre
Ourense volta a ir por libre. O apoio de Xosé Manuel Baltar a Soraya Sáenz de Santamaría desembocou no triunfo da noutrora todopoderosa vicepresidenta do goberno nesta circunscrición, onde acadou 42,3% dos votos, sacándolle unha vantaxe de 6 puntos a Cospedal e de 23 a Casado. Só os resultados da cidade, onde os próximos ao aparato galego, encabezados polo alcalde Xesús Vázquez, foron quen de facer fronte ao barón provincial, evitaron unha derrota máis escandalosa de Cospedal.
[A versión íntegra desta información tela ao teu dispor no Sermos304, disponíbel na rúa e tamén na nosa loxa]