Iniciativa de En Marea

PP volta a votar en Madrid contra a transferencia da AP9

Continúa a practicar a dupla linguaxe o PP a respeito da transferencia da AP9 a Galiza, no país votan unha cousa e a contraria en Madrid. Lembremos que o Parlamento galego aprobou no seu día, tomando como base unha iniciativa do BNG, unha proposición de lei nese sentido.

unnamed (6)
photo_camera Alexandra Fernández, na Comisión de Fomento.

A Comisión de Fomento aprobou esta cuarta feira unha proposición non de lei de En Marea en que se demanda a transferencia da AP9 a Galiza.

A iniciativa tivo o apoio de PSOE, ERC, PNV, Compromís e EH Bildu, 20 votos en total. Votárona en contra PP e Cs, 17 parlamentares.

A parlamentar de En Marea Alexandra Fernández foi a encarregada de defender a proposición non de lei. Na súa intervención, advogou mais unha vez por que o Goberno estatal erga o veto que impide a tramitación no Congreso dos Deputados da proposición de lei do Parlamento galego.

Fernández cuestiona a utilidade da "comisión de seguimento" sobre o asunto proposta polo PP: "Dubidamos que resolva os problemas, porque o principal impedimento é que a AP9 está convertida nun tapón para a cohesión do territorio e para a dinamización socioecónomica polos altos custos da peaxe".

Nas últimas datas produciuse un significativo pronunciamento a prol da transferencia, o do novo presidente da patronal galega.

Comentarios