O PP reforma a lei do aborto e obriga as menores de idade a contar con consentimento familiar

O grupo parlamentar rexistrou unha proposición de lei para "reforzar a protección" das mozas, di.

aborto
photo_camera [Imaxe Gz Contrainfo]

Dito e feito. Após anunciar que reformarían a lei do aborto no referido á liberdade das mulleres de 16 e 17 anos para decidiren de maneira independente interromper o seu embarazo, esta cuarta feira (18 de febreiro) o Partido Popular rexistrou unha proposición de lei no Congreso d@s deputad@s. 

A iniciativa muda o articulado da Lei de saúde sexual e reprodutiva aprobada en 2010 e obriga as menores de idade a contar con autorización daquelas persoas que ostenten a súa "responsabilidade legal" para interromper un embarazo. Segundo o texto rexistrado polo grupo parlamentar popular o obxectivo da reforma é "reforzar a protección" das mozas e cumprir cun "compromiso electoral" adquirido nos comicios de 2011 polo partido en aras de resolver, afirmou o seu portavoz, Miguel Hernando, un "debate intenso" arredor da "polémica" lei que despenalizou o aborto. 

O mecanismo xurídico empregado pol@s populares sortea así posíbeis atrancos burocráticos na súa tramitación pois ao se tratar dun proxecto de lei non está suxeito a ser analizado polos órgaos consultivos do Estado. 

O texto será debatido na Cámara de representantes o vindeiro mes de marzo e podería entrar en vigo en xullo. 

A Plataforma galega en defensa do dereito ao aborto convoca concentracións a vindeira segunda feira 23 de febreiro ás 20h perante as sedes do PP. Até o momento confírmanse en Ourense, Vigo, Coruña e Compostela. 

Comentarios