Inés Rei: "O PP quixo adiar a entrada en vigor das contas da Coruña por todos os medios"

O día que naceu Inés Rei (A Coruña, 11 de xullo de 1982) xogábase en Madrid a final do Mundial de fútbol, do que a cidade herculina foi unha das sedes escollidas, o que fixo que vivise un gran remocicado. 38 anos despois, a alcaldesa afronta os retos dunha urbe que non quere quedar atrás ante os desafíos da nova década.

IMG_20200302_132925
photo_camera Inés Rei, retratada no seu despacho no Pazo de María Pita. (Foto: Nós Diario).

—A Coruña ten de novo orzamentos, grazas ao apoio de Marea Atlántica, BNG e Ciudadanos. Como conseguiu poñer de acordo a forzas políticas tan contrapostas?

A Coruña levaba dous anos sen orzamento, pois estivo prorrogado desde 2018, e había que darlle para adiante, porque é o instrumento que ten o Goberno para poder executar as súas políticas. Partindo desas premisas, nós entendiamos que tiña que ser un orzamento de cidade, pensando no que necesita A Coruña, por iso sentamos a dialogar con todos os grupos políticos. Nese diálogo tiveron un papel principal Marea Atlántica e Bloque Nacionalista Galego, mais tamén Ciudadanos, que fixo propostas en positivo que se incorporaron ao orzamento.  

—O PP fixo as súas alegacións, pero non foron aprobadas.

Lamentamos que o Partido Popular, unha vez máis, quedara fóra dun acordo de Goberno, pero tamén de cidade. Adoitan ter sempre unha actitude de bloqueo, de non facer aportacións en positivo, de atrasar todo o que poden os acordos e, polo tanto, quedaron fóra. O que fixo o PP foi, unha vez aprobado inicialmente o orzamento, presentar emendas con forma de alegacións, sabendo que non prosperarían por non adecuarse aos requisitos legais, todo para retrasar a entrada en vigor do orzamento. Optaron por non facer aportacións en positivo, nunha decisión consciente e coherente coa actitude que mantiveron nos catro anos anteriores, e o resultado é que hoxe teñen unha concelleira menos que no mandato anterior. Non son quen de dicirlle ao Partido Popular que é o que ten que facer, mais semella que esa será a súa progresión se non empezan a pensar na cidade.  

—Agora, co orzamento na man, cales son as prioridades na cidade da Coruña?

Temos un orzamento de carácter expansivo, 262 millóns de euros, que é unha cifra récord para un orzamento municipal nos que destacan varias liñas estratéxicas de actuación: as políticas de coidados e benestar social; o compromiso coas novas formas de mobilidade; e a reactivación económica após catro anos de certa parálise na actividade administrativa, porque temos a obriga de acompañar esa reactivación económica da cidade desde o Concello.

—Quedan moitos temas pendentes co Estado. O primeiro, o da estación intermodal, pois precisa que o Adif asine o convenio despois de volver modificalo. Cando se vai pechar a construción desa intermodal coruñesa?

Practicamente en cuestión dun par de semanas asinarase ese convenio. O Concello xa iniciou os trámites de modificación do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) para acometer a parte que nos corresponde. Neste mandato A Coruña terá, por fin, após moitos anos de bloqueo institucional, unha estación intermodal.

—Outro problema de infraestruturas que parece que se eterniza é o da reforma de Alfonso Molina. Levaralle a Ábalos unha proposta para modificar a avenida pola que entran e saen a meirande parte das coruñesas?

Si. As técnicas están preparando ese estudo para poder formularllo ao ministro nunha futura próxima reunión. 

—O anterior Goberno municipal non tiña unha boa relación co movemento veciñal e coas comerciantes. Que mudaron desde o PSdeG neste eido?

Nós cambiamos a forma de actuar neste senso, porque non se pode facer unha política maniquea, estar permanentemente falando de bos e malos, amigos ou inimigos, etiquetando cada sector, xa sexan asociacións de veciños, comerciantes ou sindicatos. María Pita ten que ser a casa de todas, un lugar de encontro e diálogo. 

—Neste vindeiro día 8-M, a cidade da Coruña vai ter por primeira vez unha alcaldesa elixida democraticamente, como se sente?

Coa inmensa responsabilidade, como dis, de ser a primeira muller alcaldesa escollida democraticamente, e profundamente agradecida a todas aquelas mulleres que traballaron arreo antes ca min para que hoxe as mulleres da miña xeración poidamos estar ocupando postos de responsabilidade. Aínda así, queda moito traballo por facer. Todos os días do ano teñen que ser 8-M. A igualdade real aínda non chegou, temos retos importantísimos, como a loita contra todas as violencias machistas, e contra esas cifras de mortas intolerábeis nunha sociedade democrática avanzada.

-Como ve Inés Rei as eleccións galegas? Hai tempo de reverter esas enquisas que dan como gañador pola mínima o Partido Popular?

Hai unha tendencia ao cambio. Após 11 anos de PP, Galiza nas eleccións xerais votou por un Goberno progresista liderado polo PSOE, polo que creo que o próximo 5 de abril teremos outro na Galiza, comandado por Gonzalo Caballero. Mais eu nunca falo de enquisas, nin sequera cando me favorecían a min (ri). As marxes serán mínimas. Lémbrame ás eleccións do ano 2005, nas que tardamos días en saber de que lado caería o escano decisivo.

-Pode a fragmentación do voto no bloque da esquerda prexudicar o lograr ese escano que pode ser decisivo?

Non vou entrar a falar do que fagan no resto dos grupos da esquerda. 

Comentarios