ANÁLISE

PP, PSOE e C´s concorren ao 20D sen ter programa específico para Galiza

As tres formacións preséntanse ás Xerais polas circunscricións galegas cun programa que non contempla ningunha proposta e idea específica para o noso país.  

Eleccións
photo_camera Eleccións

Nas eleccións do 20 de decembro non se escolle presidente do goberno español, senón que se elixen deputad@s ás Cortes españolas, parlamentares que serán quen, posteriormente, escollan o presidente. Deputad@s que son eleitos por circunscricións provinciais, catro no caso de Galiza. Son 23 os escanos ao Congreso que se escollen por Galiza. Este procedemento podería levar a pensar que os candidatos e os partidos concorrentes a estes comicios deberían presentar propostas, ideas e achegas referentes ao ámbito polo que se presentan para ser elexidos. Mais non sempre é así. De feito, das 5 formacións a análise, 3 non teñen un programa propio e específico para o territorio polo que concorren ao 20D: Partido Popular, PSOE e Ciudadanos. Sumando os programas deses tres partidos (perto de mil páxinas en total), Galiza aparece mencionada unha soa vez. Pola contra, tanto Nós-candidatura galega e En Marea preséntanse a esta cita con eses deberes feitos, un programa para Galiza. Mais tamén entre elas hai diferenzas.

Nós-Candidatura galega. Desde, para e por Galiza

O programa electoral de Nós comezou a xermolar a través de seis comisións participativas de traballo creadas na asemblea de Iniciativa pola Unión e mediante xuntanzas e reunións con diferentes organizacións e colectivos do tecido social e asociativo galego. O resultante dese traballo foi sometido a referendo en votación telemática aberta á cidadanía.

No propio limiar do programa, Nós sitúa a soberanía como o alicerce para mudar Galiza. Un introito no que, para alén de explicar que é Nós, afonda na necesidade de ter representación propia nas Cortes españolas e “non supeditada” a ningunha outra forza.

O programa de Nós abrangue 12 campos, desde o da economía e os servizos públicos ao da igualdade da muller, a mocidade ou a cultura e patrimonio, pasando polos servizos públicos ou o deporte. En cada un destes eidos, unha análise da situación e unha serie de propostas e ideas que a coligazón presente perante a sociedade e se compromete a defender.

Hai tratamentos específicos e polo miúdo para sectores (pesca e agro, por xemplo) de gran importancia para o país e sometidos nos últimos tempos a unha difícil situación por mor de decisións e políticas contrarias aos seus intereses e necesidades.

En Marea: 20 ideas para o cambio

'20 ideas para o cambio que transformará Galicia' é o título do programa de En Marea, un “documento dinámico” que recolle, explica a coligazón, o acordo de todas as forzas políticas e iniciativas cidadás que fan parte da mesma, “e que se abre ao debate público para a súa mellora e enriquecemento”.

Catro grandes bloques configuran o programa de 'En Marea': Estado social, defensa dos recursos e do ben común, Resgatar a democracia, Proceso constituínte. Soberanía cidadá. Galiza decide no Estado e Política exterior. En cada un deles figuran as propostas da coligazón, moitas delas coincidentes coas que a nivel de Estado contemplan outras formacións (Podemos, En Comú Podem...) Mais tamén hai propostas específicas para o país, como no que atinxe a un novo modelo de financiamento ou un plan enerxético galego. Deféndese Galiza como un suxeito con dereito a decidir e polo recoñecemento do carácter plurinacional do Estado.

PP, CS: Centos de páxinas páxinas e 0 referencias a Galiza

'Lo que España necesita' é o título do programa electoral co que o PP concorre ás eleccións do 20 de decembro. O Partido Popular preséntase a eses comicios tamén na Galiza, embora no seu programa non apareza mencionado o noso país nin nunha soa ocasión. E iso que son 210 páxinas de programa. A desculpa dada desde o PP é que son uns comicios “nacionais” e que as propostas son a nivel español. Unha declaración clarificadora: ou ben Galiza non é España ou ben as súas cuestións, necesidades ou intereses non teñen sitio nuns comicios xerais.

Ciudadanos denominou o seu programa 'El nuevo proyecto para España'. O seu propio candidato pola Coruña recoñecera que non tiñan programa específico para Galiza e neste documento de Cs ben se percebe. Ningunha referencia ou propostas específicas para os sectores produtivos galegos, ou para o modelo territorial, ou a problemática demográfica...

PSOE: Unha cita

'El cambio que nos une' é como se titula o programa do PSOE. Fontes do PSdeG explican que no proceso de elaboración do mesmo tomaron parte as propostas e achegas das diferentes federacións, tamén a galega. No documento (perto das 300 páxinas) hai unha referencia a Galiza: cando se fala da cualificación do emprego de sectores como o naval. Aí tamén se cita a Andalucía, Castela, Madrid ou Murcia.  

Comentarios