O PP négase a prohibir o uso de cianuro na minaría

O grupo maioritario da Cámara rexeitou a toma en consideración dunha proposición de lei defendida polo BNG que recollía as demandas das organizacións ecoloxistas. 

Ana Pontón
photo_camera Ana Pontón

"Aplicar o principio de prevención" para evitar unha catástrofe ecolóxica. Ese era o obxectivo da Proposición de lei que o BNG levou ao Parlamento galego esta terza feira para prohibir o uso do cianuro nas actividades de extracción mineira. Mais a iniciativa topou de fronte cos votos en contra do Partido Popular que rexeitou tomar en consideración a proposta. 

"A normativa e a lexislación inflúe en que este tipo de catástrofes se produzan", indicou a autora da PL para a prohibición do cianuro, Ana Pontón. A deputada do BNG facía referencia ao comezo da súa intervención á catástrofe do Prestige para defender "instrumentos" como a devantida iniciativa que visan "evitar que catástrofes semellantes se produzan". E díxoo após coñecerse a sentenza que deixou sen responsabilidades civís o maior desastre ecolóxico de Europa nas útltimas décadas.

Do Prestige a Corcoesto 

Portando unha camisola "contra a impunidade" da catástrofe, Ana Pontón, foi increpada polo vice-presidente da Cámara, Miguel Santalices, cun "vaiamos ao tema". A actitude do popular foi recriminada pola deputada do Bloque que o acusou de actuar como "censor" no que considerou como unha realidade "paranoica do Parlamento" e unha "burla á democracia" e "os cidadáns" por non lle deixaren expresarse con liberdade. 

Ana Pontón: "Temos o exemplo do Prestige, vostedes negáronse a lexislar e agora temos a burla negra da impunidade"

Ao igual que Pontón, o deputado de AGE, Antón Sánchez, lembrou o acontecido co petroleiro para defender a Proposición de lei. "Tiven un soño" asegurou, no proxecto de Corcoesto chegaba a porto e se producía un "verquido das balsas de lixiviación". De se manter a lexislación vixente --e ao igual que aconteceu coa catástrofe do Prestige-- a empresa remataría por non afrontar a responsabilidade dos danos causados, o mesmo que os principais responsábeis políticos. 

Previr catástrofes ecolóxicas

"Queremos que se aplique o principio de precaución", insistiu Ana Pontón polo BNG, "que debe rexer, dixo, 'terra adentro'". Pois, para a nacionalista "temos o exemplo do Prestige, vostedes non lexislaron e agora que temos?" inquiriu, "a brula negra da impunidade". Para @s nacionalistas, hai que previr e non lamentar. Adiantarse aos acontecementos e prohibir o uso de substancias que coma o cianuro levan implícitas ao seu uso grandes riscos "para a saúde das persoas" mais tamén para o medioambiente.

Antón Sánchez defendeu un outro modelo económico que poña fin á megaminaría contaminante

Malia os numerosos informes científicos que claman pola prohibición do cianuro nas actitivades de extracción mineira e mesmo resolucións aprobadas polo Parlamento europeo --a última en 2010-- demandando a retirada desta "substancia peridosa" --indicou Patricia Vilán desde o PSdeG-PSOE-- o Partido Popular rexeitou máis unha vez a toma en consideración da proposición e argüíu que as institucións comunitarias --nomeadamente a Comisión-- demandaban a retirada do cianuro da minaría. Se ben, "ao ano hai un accidente grave por uso de cianuro", sinalou Vilán. 

"Non se explica que nen tan sequer se queira tomar en consideración esta Proposición de lei", afirmou Ana Pontón após o rexeitamento d@s populares ao tempo que @s inquiu: "Que intereses están a defender aquí, os das multinacionais ou os dos galegos?". 

Comentarios