O PP gaña en Ferrol mais fica a un edil da absoluta

Os populares atinxen 12 edís mentres que PSdeG (8), Ferrol en Común (3) e BNG (2) suman 13

pp ferrol
photo_camera Rey e Feixoo.

O PP volveu ser a forza máis votada en Ferrol, igual que nas municipais de hai catro anos. Tamén como daquela, é moi probábel que iso non sexa abondo para gobernar. Se daquela ficaba a 2 edís da maioría absoluta na corporación (13), agora fica a 1. As listas de PSdeG, Ferrol en Común e BNG suman 13 concelleiros e concelleiras.

O PP tivo 41,6% dos votos, o que é 5 puntos máis que nas municipais de 2015. A desaparición de Ciudadanos, que perde o seu representante en Ferrol, parece indicar que J.M. Rey foi quen de aglutinar todo o voto da dereita. En todo caso, non acada a maioría absoluta, polo que o PSdeG pode ter na súa man a baza de lograr a Alcaldía de acadar o apoio de FeC e nacionalistas.

A forza que daquela ficara segunda en votos en 2015 e que lograra a Alcaldía, Ferrol en Común, perde 3 edís, ao caer de 6 a 3 cadeiras. De 22% a 10,5%. Perdeu máis da metade dos apoios.

O PSdeG atinxe 8 cadeiras, 3 máis que hai catro anos, ao sumar case 30% dos votos, o que é un aumento considerábel a respecto de 2015, cando lograra menos de 19%. 

O BNG mantén, pola súa banda, os seus dous representantes, obtendo case 7,5% dos apoios.

Comentarios