O PP galego afirma que exhumación de Franco “non é prioritaria”

Ao PP galego tampouco lle fai graza que o Goberno do Estado retire os restos do ditador Francisco Franco da basílica do Val dos Caídos. Segundo o seu secretario xeral, Miguel Tellado, non se trata “dunha prioridade para a maioría de españois e galegos”.
Miguel Tellado en rolda de prensa
photo_camera Miguel Tellado en comparecencia de prensa. Foto: cedida.

Para Tellado, que así o manifestou nunha entrevista en Radio Nacional de España, a exhumación de Franco apenas responde máis que á “campaña electoral do PSOE” e só é “unha prioridade para o presidente do Goberno [Pedro Sánchez]”. Na versión do secretario xeral do PP galego, non hai sitio nin para as familias das vítimas do fascismo, nin para a maior parte dos historiadores, nin para as asociacións de recuperación da memoria histórica.

Miguel Tellado argumentou que “a retira dos restos de Franco do Val dos Caídos non é prioritaria para Galiza porque esta vive unha das peores crisis industriais da súa historia”. Mais o recoñecemento desa crise non supuxo ningunha autocrítica, malia que os datos industriais atópanse en declinio practicamente desde que Núñez Feixoo chegou a San Caetano. Tellado descargou toda culpa no Executivo central e a súa “actuación irresponsábel”.

Comentarios