Os concelleiros populares renuncian ás súas competencias no Goberno de Ourense

O PP formaliza a súa ruptura con Jácome

A crise política en Ourense entra nunha nova fase. Unhas horas despois de que Jácome anunciase o cese de dous concelleiros críticos e de que o BNG solicitase a dimisión, o PP fixo pública a súa ruptura co alcalde, nunha decisión prevista desde había semanas. A guerra polo control da cidade continúa.
EuropaPress_2283541_presidente_xunta_alberto_nunez_feijoo_alcalde_ourense_gonzalo_perez_jacome
photo_camera Alberto Núñez Feixoo e Gonzalo Pérez Jácome nunha imaxe de arquivo. (Foto: Europa Press)
Ourense desertou coa decisión do alcalde, Gonzálo Pérez Jácome, de destituír dous concelleiros críticos do grupo de Goberno. A primeira hora da maña, as redes sociais de Democracia Ourensá (DO), a formación fundada polo rexedor á volta de 2001, anunciaron a destitución dos seus cargos de Miguel Caride Domínguez e Manuel Álvarez Fernández. O primeiro, concelleiro de Infraestruturas, e o segundo, de Servizos Xerais, entraron na corporación na lista liderada por Jácome, mais marcaron nas últimas semanas distancias co alcalde, até o punto de asinaren unha denuncia contra el. Unha denuncia que se atopa en fase de instrución no xulgado número tres da cidade.
 
As razóns desta destitución non sorprenderon a ninguén, xa que un e outro romperon con anterioridade coa formación e acusaron Jácome de graves irregularidades económicas. No comunicado de Democracia de Ourensá explicouse a decisión como consecuencia da “evidente perda de confianza”, da “indisciplina” e da “falta de disposición para buscar unha solución aos problemas recentes”. Ao tempo, o partido cargou duramente contra Caride, que nalgunhas quinielas apareceu como substituto de Jácome, acusándoo de “baixa produtividade” e afirmando que “o alcalde non pode tolerar que o concello pare”.
 
Caride restou importancia a este anuncio e volveu solicitar a saída de Jácome. “Imos manter a nosa cadeira no pleno e imos traballar para quitar o bastón de mando ao alcalde porque a cidade precisa un Goberno con algo de decencia”, manifestou Caride, quen non puxo reparos a un rexedor do PP, xa que “sempre sería mellor”. Adiantou a renuncia ás súas competencias doutras dúas concelleiras de Democracia de Ourensá, polo que os edís críticos con Jácome xa suman catro, e confirmou o seu voto favorábel no vindeiro pleno á dimisión do actual alcalde.

O pleno leva a pleno a dimisión

O Bloque Nacionalista Galego levará á próxima sesión da corporación unha moción onde solicita a dimisión de Jácome. Segundo indicou onte o seu portavoz, Luís Seara, a iniciativa “pretende desbloquear a situación”. O nacionalista destacou que "se Jácome é alcalde é por obra e graza do PP", incidindo en que "todo isto responde a unha estratexia de Baltar, bendicida por Feixoo, quen antes das eleccións municipais aseguraba que Jácome sería letal para Ourense”. “Que Jácome é un xoguete en mans do PP levámolo dicindo desde o comezo de mandato, que se desfarían del en canto xa non lles servise”, agregou.
 
"Ourense está a pagar un prezo altísimo, perpetuando os comportamentos caciquís de Baltar que tanto lastran o desenvolvemento de Ourense a través do mercado de vontades para manter a deputación, e contribuíndo ao desgoberno e ao caos no que está sumido o concello, que leva acumulados máis de cinco anos de parálise", afirmou Seara, quen destacou que “non se precisa só un cambio de alcalde, senón que é preciso unha rexeneración total da institución”. Á petición do BNG sumouse á ultima hora da maña o portavoz de Ciudadanos, José Araújo, quen presentou unha moción no mesmo sentido.

A ruptura

O PP formalizou a súa ruptura con Jácome. O coordinador do grupo, o anterior rexedor, Jesús Vázquez Abad anunciou a “suspensión temporal” do pacto de Goberno porque “cremos que o alcalde converteu unha crise interna do seu partido nunha crise en Ourense, por iso tomamos a decisión unánime de suspender este acordo de Goberno. Vázquez Abad non fechou as portas “a reconducir” a situación e adiantou que a totalidade dos concelleiros populares renunciaron ás súas delegacións e ás competencias que viñan exercendo no Executivo local desde o comezo da lexislatura.
 
A decisión dos populares deixou o equipo de Goberno con só tres membros. Segundo indicaron a Nós Diario fontes do PP, “coa renuncia ás responsabilidades de Goberno pretendemos meter presión a Jácome para que marche”. Porén, non descartaron outras vías para desaloxalo da alcaldía. A este respecto, as persoas consultadas non desbotaron, tampouco, a posibilidade de que “Jácome dimita diante do posíbel abandono doutros concelleiros de DOP nas próximas horas”. Desde o círculo de confianza do rexedor, desbotaron esa posibilidade e responsabilizaron da situación a “Baltar e aos poderes da cidade”.

Volveu Baltar

Após promover as mocións de censura en Castrelo de Miño e Viana do Bolo e logo de recuperar a alcaldía de San Xoán de Río co recurso ao transfuguismo, José Manuel Baltar vai agora por Jácome. Unha batalla entre dúas familias da dereita local, con intereses contrapostos en temas tan sensíbeis como o urbanismo. 
 

Comentarios