O PP abre a porta á empresa privada na sanidade galega coa aprobación da Lei de garantías

Cos únicos votos favorábeis do Partido Popular, o Parlamento aprobou a Lei de garantías de prestacións sanitarias. A norma muda o modelo sanitario galego e inicia o seu proceso de privatización, alertan as forzas da oposición e sindicatos. 

hospital vigo privatización sanidade

Non conta co apoio nen dos @s profesionais sanitari@s nen das forzas da oposición. Tampouco ten o respaldo nen do Consello económico e social nen dos Colexios de medic@s ou as asociacións de enfermeir@s. Todos os axentes do sector se amosaron contrarios á Lei de garantías de prestacións sanitarias impulsada polo goberno de Alberto Núñez Feijóo. 

Perto dun ano despois da súa presentación como proxecto de lei, a Cámara galega deu luz verde á medida e inicia as mudanzas no modelo de xestión da sanidade galega introducindo a empresa privada na atención daquel@s doentes que non poidan ser atendid@s nos hospitais públicos. Para @s deputad@s do BNG, AGE e PSdeG os tempos previstos na lei para as listaxes de agarda --até 60 días-- son "incumpríbeis" e constitúen a porta de acceso das empresas privadas á atención sanitaria pois, segundo recolle o propio texto lexislativo, @s doentes perderán "a garantía" cando "o usuario non opte, no prazo estabelecido para o efecto, por algunha das alternativas ofertadas polo servizo de saúde ou rexeite o centro ou centros alternativos ofertados". 

A "lexión Cóndor" do PP

As críticas lanzadas desde as forzas da oposición á norma presentada polo goberno galego denunciaron os obxectivos da Xunta coa aprobación desta nova lei. "O texto que se presenta a ditame trae consigo un cambio cualitativo no actual modelo sanitario, impulsando un sistema mixto caracterizado por unha maior presenza da provisión privada", denunciou Eva Solla desde AGE ao tempo que alertou das consecuencias da derivación de pacientes "da pública á privada", algo que, coidan, contribuirá para o "trasvase de fondos públicos" cara estoutras entidades. 

Todo, mentres se continúan a reducir os recursos económicos e humanos do sistema sanitario público. Desde o BNG coidan que a norma visa dar "cobertura legal á privatización da sanidade galega" agredindo mesmo "os dereitos dos doentes", sinalou Montse Prado. A deputada da organización frontista elevou o ton das denuncias ao equiparar as reformas do Partido Popular en materia sanitaria coa "Lexión Cóndor" enviada por Hitler en apoio ás forzas fascistas na guerra do '36. 

"Están actuando como a Lexión Cóndor coa sanidade galega, impactando de cheo sobre os dereitos a unha sanidade pública". Para Prado, o PP "está lanzando artillería pesada sobre dereitos esenciais como a sanidade" através de políticas "de destrución masiva". As metáforas empregadas pola deputada nacionalista custáronlle unha chamada á orde da presidenta da Cámara que finalmente optou por as retirar da acta mesmo en contra do criterio da propia parlamentar. 

Comentarios