Oito positivos entre a expedición do Fuenlabrada, á que se lle realizaron 46 PCR na Coruña

O Sergas decidirá,  canda a Consellería de Sanidade de Madrid e o Ministerio, onde se realizan os posibles illamentos.

Xogadores do Fuenlabrada, aterrando na mañá de onte en Alvedro. Voaron, polo menos, 12 positivos en Covid-19 (Foto: UD Fuenlabrada).
photo_camera Xogadores do Fuenlabrada, aterrando na mañá de onte en Alvedro. Voaron, polo menos, 12 positivos en Covid-19 (Foto: UD Fuenlabrada).

O xerente da área Sanitaria da Coruña, Luís Verde Remeseiro, informou esta terza feira que técnicos realizaron un total de 46 probas PCR a membros da expedición do Club de Fútbol Fuenlabrada, entre os cales se rexistran oito casos positivos por coronavirus.

En concreto, un equipo de toma de mostras do Hospital da Coruña realizou as probas ao oito membros do cadro de persoal do Fuenlabrada que permanecen illados nas súas habitacións e que o Sergas xa coñecía que "eran positivos", tal e como explicou Verde.

Pola súa banda, o resto foi sometido ás PCR nunha sala habilitada do hotel NH Finisterre da Coruña, onde o equipo permanece confinado.

Unha vez que se saiban, a última hora desta tarde, os resultados das probas PCR decidiranse medidas.

"O illamento pode facerse aquí ou noutro sitio, pero hai que facelo", ratificou o xerente, que explicou que a decisión dependerá de "os acordos e conversacións" entre Consellería de Sanidade, a Consellería de Sanidade de Madrid e o Ministerio de Sanidade.

O responsábel sanitario expuxo que, "con carácter xeral", as persoas que dean positivo na proba deben estar illadas "dez días" e, nese momento, repetir a proba.

Pola súa banda, os que tiveron contacto, terían que gardar corentena 14 días. Aínda así, admitiu que podería haber cambios nestas estimacións temporais segundo os casos.

En declaracións aos medios de comunicación, Verde relatou que esta "agrupación de casos" coñeceuse na tarde do luns e "inmediatamente" activouse o protocolo, recomendando aos posíbeis afectados "permanecer nas habitacións que tiñan asignadas" no hotel. "Están ben clinicamente", dixo antes de engadir que a "inmensa maioría" están asintomáticos.

Desprazamento

"Comunicáronnos que había oito persoas positivas", detallou o xerente, que subliñou que, "obviamente se un coñece que é positivo ten que facer illamento e non debe viaxar".

O responsábel sanitario recoñeceu que podería haber resultados "dubidosos", pero apuntou que "a prudencia aconsella en caso de dúbida optar polas medidas máis estritas e non desprazarse".

Polo momento, indicou, os técnicos de Saúde Pública non aconsellaron realizar probas a persoal do hotel ou doutros lugares onde podería haber contacto cos contaxiados. "Fai falta un contacto estreito durante un tempo determinado para que exista risco", detallou, aínda que non descarta "novas actuacións", apuntou.

Verde tamén avanzou que o hotel pode seguir aberto "con absoluta normalidade" xa que os membros da expedición están illados nas súas habitacións. O establecemento debería, engadiu, seguir "coas mesmas medidas de hixiene ou, se seica, extremándoas un pouquiño máis".

Comentarios