"Estamos aquí para defender os intereses dos veciños e do país, non para cumprir normativas retrógradas"

Raimundo González Carballo (BNG) é concelleiro de Facenda en Pontevedra. O goberno local vén de anunciar que superará o teito de gasto imposto polo executivo español porque, din, "reverterá na cidadanía" e contribuirá "a crear emprego". 

Raimundo G. Carballo [Imaxe: PontevedraViva]
photo_camera Raimundo G. Carballo [Imaxe: PontevedraViva]

Face o mantra da 'austeridade' e 'os recortes como única saída á crise', o goberno de Pontevedra asegura que "outro mundo é posíbel" se "facemos as cousa con sentidiño". González Carballo afirma con rotundidade que "non teñen que impornos nada" pois, sinala, "estamos aquí para defender os intereses dos veciños e do país". A administración encabezada por Miguel Anxo Fernández Lores plantará máis unha vez cara aos gobernos español e galego. Após pagar a extraordinaria de Nadal ao persoal da función pública, superará o teito de gasto fixado por Madrid porque "os ingresos", subliña, "son superiores ao teito de gasto". Con superávit nas contas municipais apostarán para 2014 por "uns orzamentos expansivos e investidores".

Por que decidiron superar o teito de gasto imposto por Madrid?

No Concello non só temos superávit habitualmente, senón que fomos reducindo a débeda. Coido que somos a cidade de Galiza que a reducimos. Sempre nos guiamos polo principio de non gastarmos o que non temos. Neste senso, para o vindeiro exercicio teremos uns ingresos superiores aos que nos permitiría o teito de gasto. De modo que reverterán na cidadanía, quer en servizos sociais (accesibilidade, ensino...), quer en investimentos.

"A única maneira de facer fronte ao paro é cuns orzamentos expansivos e investidores mais a Xunta redúceos drasticamente"

E é que o Concello de Pontevedra non reduciu os seus orzamentos en ningún momento, con independencia de que a Xunta diminuíra a súa aportación. Doutra banda, a respeito dos investimentos estamos certos de que non só producen postos de traballo directos, senón tamén indirectos e inducidos. Se ti constrúes, por exemplo, unha Casa da cultura, non xeramos emprego só para os traballadores da construción, senón tamén para todas as empresas que suministran materiais. En troca, a Xunta --e pode verse nos Orzamentos-- reducen drasticamente os investimentos, se ben o principal problema que temos no país é precisamente o desemprego. A única maneira de facer frente a iso é cuns orzamenos expansivos, investidores. 

Como conseguiu Pontevedra reducir a súa débeda?

Bon. Evidentemente porque non pedimos préstamos nos últimos anos. Neste momento, fronte o Estado e a Xunta que teñen unhas porcentaxes elevadísimas de amortización e pagamento de xuros, no Concello de Pontevedra non chega ao 6%. Dentro dos 65 ou 66 millóns de euros [o teito de gasto está fixado nuns 62 millóns] o que destinaremos a isto non chega a 4 millóns de euros.

"Desde que chegamos á alcaldía funcionamos con sentidiño facendo políticas que beneficiasen a poboación"

É unha cantidade moi pequena. Iso é froito dun traballo anterior, de ir gastando o que tiñamos. Desde que chegamos á alcaldía funcionamos con sentidiño ou como din os cataláns con seny. Nós non nos metemos en cousas estrañas, senón que o que fixemos foron políticas que beneficiasen o conxunto da poboación, primando os espazos públicos e darlle vida á cidade. Non fixemos obras faraónicas nen cousas desas como o Gaiás [ri]. 

Que podería pasar ao incumprir o mandato de Madrid?

Poderían obrigarnos a elaborar un plan económico-financeiro. [Ri]. Se o hai que facer para cumprir o trámite, faise. Mais o que non imos é reducir o teito de gasto fixado polo propio concello. Non teñen que impornos nada. En función das nosas posibilidades gastaremos e investiremos o que poidamos. Tamén podería ser que o PP ou a Xunta nos tentase boicotear. Xa nos aconteceu noutras ocasións. Mais nós estamos aquí para defender os intereses dos veciños e do País, non para cumprir unhas normativas retrogradas. Para iso xa están as forzas do sistema e nós non partillamos o que fai o PP, o PSOE e IU. 

"Estamos aquí para defender os intereses dos veciños e do país, non para cumprir normativas retrógradas"

A piques de se aprobar a reforma local e novos recortes nas administracións locais, negociados por Madrid e Bruxelas, como se valoran desde Pontevedra?

O problema fundamental desa lei [A lei de bases do réxime local] non é tanto a perda de autonomía senón que se eliminarán servizos e prestacións. Camiñamos cara á ese Estado liberal clásico onde a función do estado é unicamente a dun policía. É o liberalismo puro e duro. Que implicará iso? Se desde os Concellos se axudaba ou subvencionaban os comedores escolares, os libros de texto... de se aprobar a lei deixarán de prestarse. Implicará un maior incremento das desigualdades sociais. Como din os veciños da miña parroquia 'os ricos cada vez máis ricos e os pobres cada vez máis pobres'.

"Coa reforma local camiñamos cara ao Estado liberal clásico, ese onde a administración é só un policía"

Camiñamos cara á un empobrecimento maior da poboación. Porén, o papel das administracións nós cremos que é o de re-distribuír a riqueza e investilo en servizos públicos. Mais o PP vai noutra liña ao estilo do Tea Party de Sarah Pallin. 

Fronte ao mantra de que non hai alternativa, Pontevedra visa amosar outra forma de facer política?

Evidentemente. Depende da ideoloxía e das prioridades políticas. De igual maneira que outro mundo é posíbel tamén o é facer outras políticas face as impostas polo grande capital, a banca e os monopolios. Si é posíbel facer outro tipo de políticas. Si é certo que dentro dun determinado marco. E nós demostrámolo. Si era posíbel pagar a paga extraordinaria aos funcionarios e nós fixémolo. O que tivo unha repercusión directa na economía. 

Comentarios