Opinión

O poscoronavirus: o socialismo ou a barbarie

Equivocaríanse aqueles que pretendan unha xestión política e económica para despois da actual pandemia da COVID-19, sen ir máis alá da cuestión estritamente sanitaria Equivocariámonos todos se esta peste do coronavirus non a temos situada no contexto económico, político e da conxuntura histórica. Sería moi perigoso homologar a nosa radiografía á que casualmente nos venden quen de maneira caótica están a xestionar esta crise sanitaria.

Por iso, calquera alternativa que enfronte o drama social e económico que está por chegar, ten que partir dunha análise atinada e contextualizada. A pandemia prodúcese nun escenario económico global de recesión capitalista, é dicir unha nova crise sistémica que vai abanear todas as estruturas e vai producir cambios até agora descoñecidos. É por iso que á hora de planearmos as medidas que precisaremos no futuro, temos e debemos de partir desa diagnose.

Polo tanto, non foi casual que o relato tanto de Sánchez Castejón como o de Feijoo obviara ir mais alá da cuestión sanitaria. Tampouco é casual a utilización da doutrina do choque e o solapado do estado de excepción no de alarma para neutralizar calquera posibilidade de disidencia agora pero sobre todo de cara ao futuro. Pero o máis aclaratorio da praxe do Goberno español foi a utilización descarada do exército, garda civil e policía como suxeito central e ensaio de futuro. Habería que ser moi imbécil para non entendelo.

Se algo vai deixar claro a actual emerxencia sanitaria é o fracaso do modelo neoliberal capitalista para afrontala. Quedou ben evidente que a partitocracia española primou os intereses do Capital fronte os das traballadoras expostas ó risco do contaxio. Quedou ben claro o verdadeiro sentido e inutilidade da UE, para defender ás persoas e ós pobos. E no caso español quedou de manifesto o aproveitamento da crise sanitaria para pór en práctica as políticas de recentralización, negando as realidades nacionais.

O aparato de propaganda pespuntea a súa narrativa para dobregar a opinión e evitar a capacidade de pensar da xente. Fálanos de volver á normalidade, cando sabemos que a mesma foi o factor multiplicador do drama sanitario. Non, iso non vai ser posible no actual modelo capitalista español e europeo. Porque é inviable sen grandes doses de represión sobre a clase traballadora.

A esquerda sindical, os movementos sociais e todas as galegas e galegos bos e xenerosos temos que lograr a unidade nunha gran fronte na rúa que se converta nun dique de contención fronte ós aldraxes que virán da man da política española como bos xestores dos ditados do BCE. Só un salto de calidade na organización obreira e popular poderá parar os perigos dunha nova fase histórica que comeza.

Metámolo xa na cabeza desde agora, na lóxica económica do actual modelo capitalista non hai posibilidade algunha. A Unión Europea e o BCN serán os xendarmes gardiáns para que ningún Estado membro saia do guión establecido por Tratado de Maastricht. O cadeado da chamada unión monetaria que representa o Euro será un valado imposible de sortear, senón que nolo expliquen os demagogos e charlatáns que xustifican a pertenza á UE.

Por iso agora o reto dos sectores populares é evitar que esta crise estrutural capitalista a paguemos nós. Temos que facer un esforzo pedagóxico e de información para que o noso pobo entenda que si hai saída, pero esta tense que producir nuns parámetros de xustiza social, a antítese da que patrocinarán os políticos do Réxime do 78.

A maioría social deste País deberemos poñernos de acordo nunha plataforma de mínimos que arranque de quen nos explota como persoas e asoballa como nación, unha alternativa de xustiza social orientada á redistribución da riqueza. Que conteña a aspiración a un gran plan de emprego público, a instauración dunha renda básica universal. Á recuperación patrimonial, poboacional e ambiental do país. Plataforma que deberá conter inescusablemente todos e cada un dos dereitos como cidadáns de Galicia, o idioma, a cultura e o noso dereito a decidir como galegos e galegas.

Comentarios