Opinión

Pos-capitalismo

O enfrontamento entre os grupos de poder mundiais está nun momento crítico; os sinais de alarma abondan: as guerras comerciais, a incapacidade da ONU, o caos nas relacións internacionais… No meu libro (inédito) “Declive neoliberal e pos-capitalismo” desenvolvín algunhas ideas sobre o final do ciclo neoliberal a partir das obras e traballos de diversos investigadores. Un deles, o historiador ruso Andrei Fúrsov, resultou incribelmente profético á luz dos acontecementos que estamos vivindo coa COVID-19. En 2013, coas consecuencias aínda frescas da gran depresión de 2008, revelaba a existencia dunha alianza estratéxica entre as dúas grandes familias financeiras do planeta —os Rockefeller e os Rothschild— co obxecto de provocar un cambio de paradigma (favorábel aos seus intereses) ante o imparábel declive do capitalismo. As medidas deste clan financeiro centraríanse na concentración exponencial de capital, que acompañarían de determinados episodios políticos e sociais de alcance. Todo acabaría nunha megacrise sistémica. O horizonte de sucesos situábao a principios dos anos vinte deste século. Un prognóstico aventurado? Quizais.

Nesta columna é imposíbel desenvolver a análise que leva a esas conclusións, pero non é difícil entender que algúns dos últimos grandes eventos internacionais non teñen precedentes na historia recente do capitalismo. Por citar algúns; podíase pensar que un tipo como Trump ganaría as eleccións presidenciais en USA? Ou que o Reino Unido abandonaría definitivamente a UE? Alguén pensaba que o barril de petróleo ía baixar dos 30 dólares por unha decisión de Rusia, poñendo contra as cordas o sector do gas de esquisto de EE.UU.? Non obstante, todo iso ocorreu (e máis ocorrerá).

Pola contra, a posibilidade dunha pandemia estaba na mente dos responsábeis mundiais. Por exemplo, a Universidade Johns Hopkins (leva o seguimento mundial da COVID), o Foro Económico Mundial, a Fundación Bill Gates e un grupo de expertos (entre eles un chinés) levaron a cabo en outubro de 2019 un simulacro de pandemia de coronavirus en Nova York. Dous meses antes (unha casualidade?) do virus de Wuhan. Non serviu para moito. Europa e USA andaron a remolque dos acontecementos e nin sequera houbo unha prudente preparación —reunindo con antelación os tapa-bocas, gafas e respiradores necesarios— a pesar do que pasaba en China. Por que?

Ademais de combater esta pandemia, que pasará (con sufrimento e perdas humanas), deberiamos prepararnos para o que nos virá encima despois da COVID. Segundo o FMI a crise económica en evolución non vai ser inferior á de 2008. Mais os enormes custos desta crise sanitaria-económico-financeira non poden (outra vez) ser cargados sobre as costas dos traballadores, autónomos e pequenos empresarios. As forzas anti-neoliberais deben aproveitar a oportunidade histórica. O sistema financeiro debe ser modificado radicalmente coa celebración dun novo “Bretton-Woods” dos pobos do mundo e todas as débedas dos estados deben ser condonadas. A globalización capitalista fracasou, e urxe substituíla por unha cooperación internacional equilibrada e un sistema social máis xusto.

Comentarios