O Portugués matachín de Cruzul

Foi un mal besta para os seus e así o lembran. O seu nome mete medo e até o silencio cala para non citalo. Perdéronse a conta das súas vítimas pero foron moitas. Din que era humano pero a xente de ben discúteo, só nos deixou mortos, o fin dun soño, a noite pecha e onde hoxe estamos.

 

portugues cruzul
photo_camera Xeronimo Meira " O Portugues" de boina en 1978. Fonte: Interviu.

Naceu para facer o mal. Estaba feito da mesma madeira que Xosé Montaña Becerra “O Montaña”, Manuel Balonga ou o fillo do médico Xosé Pérez Álvarez que nas casas do terror improvisadas en vivendas privadas ou edificios públicos dos Ancares torturaron con celo e sen tregua a Xosé González López durante tres días e noites e tamén a Xosé Trabado García e a máis até facer centos. Estaba feito da mesma madeira que Manuel Díaz Vilela, aquel do que a prensa da época  destacaba “co seu grande cheiro policial vai directamente aos  lugares onde se agochan os fuxidos causando grande terror entre estes”, ou de Santiago Fernández, a tentar violar a Florinda Gutiérrez Alba, filla do asasinado Xoán Gutiérrez e  irmá do coñecido guerrilleiro anarquista Abelardo Gutiérrez Alba e a dicirlle “que se non se entregaba por ben quedaríase con ela para a noite e por ben ou por mal serviría a todos os falanxistas pois o seu obxecto era deshonrala”.

Chamábase Xerónimo Meira Lomba pero todos o coñecían como “O Portugués de Cruzul”. Antes do 18 de xullo de 1936, sempre ao servizo da familia Rosón, fixo parte do núcleo fundador da Falanxe Española de Becerreá, intervindo após do golpe de estado dos primeiros operativos represivos desenvoltos nos Ancares e nas terras estremeiras de Ibias. Sempre estaba disposto ao mal, como sabían , Eduardo Amigo, Pedro Gómez, Manuel Méndez, Teolindo Digón e Xoán Gutiérrez, asasinados o 22 de outubro de 1936 nas Campas de Brego na parroquia do Cereixedo  en Cervantes a mans dun grupo de falanxistas encabezados por Ramón Río Rodríguez. Gozaba coa tortura, e como escribiu José Luís Morales, “estas orxías de sangue acompañábanse con borracheiras permanentes, até o punto de que O Portugués e Suso de Donato chegaron a durmirse torturando a algúns detidos que despois aparecían mortos”. E aínda hai quen lembra, a aquel da Fonte Xoana ao que lle cravaron un tridente de aventar o centeo até desangralo.

Formou nas bandas de matachíns de camisa azul. Subxefe do “Terzo da Falanxe de Becerreá”, o grupo que atemorizou a comarca dirixido Xesús López “Suso o de Donato”, facíase acompañar, entre outros,  de Antonio Fernández Deiros, Teolindo Villares Fernández, Manuel Díaz Vilela, Xosé Digón, Eduardo Fernández Deiros, Santiago Fernández Fernández , Xosé Montaña, David Fernández, Manuel García, Euloxio Gómez, Eduardo Díaz e así un día de finais de outubro de 1936 deixáronse caer no lugar do Vilar na parroquia de Donis en Cervantes para sementar a morte. O xornal El progreso do 21 de outubro de 1936, destacaba  o papel “do dignísimo xefe desta sección don Xerónimo Meira Lomba, de nacionalidade portuguesa e que desde moito antes do salvador movimento demostrou o seu amor a España e a F.E”, sinalando como “ordenou e dirixiu os servizos para dar a batalla” para concluír a nova informando que “conseguiron os nosos facer fuxir aos revoltosos non sen antes deixar no campo dous cadáveres”.

Sentiuse orgulloso da súa actuación até o final . Á volta de 1978, nunhas declaracións a José Luís Morales recollidas pola revista Interviu naquel número secuestrado xudicialmente polas presións da familia Rosón, Meira Lomba, recoñecía a súa participación nas cinco mortes do Cereixedo, engadindo “ e algúns máis que era mellor deixalos mortos”. Morto Franco non tiña medo, sabía que seguían mandando os seus e non calaba e lembraba que “eu non cheguei a matar a cen como se di por aí, inda que cheguei a perseguir ao meu cuñado Valdavara. E seguía, “e claro que son moi amigo dos Rosón, sobre de todo de Antonio. Si iso sabeo todo o mundo”, e votaba a Suárez.

Comentarios