Portugal logra estabilizar os incendios que esta fin de semana arrasaron miles de hectáreas e feriron 30 persoas

Fican focos activos que están a ser ‘atacados’ por un operativo que mobilizou máis de mil persoas en Vila de Rei, Mação e Sertã. O lume obrigou evacuar varias aldeas e fixo revivir os medos de 2017. Alerta máxima nunha segunda feira de elevadas temperaturas que pon 40 municipios lusos en alto risco de incendio. 

Canadair na terza feira pola tarde sobre o encoro de Cabril. Incendio Portugal. Xuño de 2017

Máis de mil persoas participaron esta fin de semana nos operativos para extinguir os incendios que  arrasaron máis de 8.500 hectáreas de no centro de Portugal. Un combate contra o lume que logrou que, a primeiras horas desta segunda feira, a maioría dos incendios estean estabilizados. Fican focos activos, indican desde a dirección do operativo, onde se concentran os esforzos para extinguilos.

Foi un fin de semana no que Portugal reviviu o temo a unha catástrofe como a dos incendios de 2017, na que morreran máis de 100 persoas. Incendios voraces, amplos, que arrasan miles de hectáreas e son moi difíciles de combater. Vila de Rei, Mação e Sertã, nos distritos de Castelo Branco e Santarém; foron os concellos afectados.

Houbo que evacuar varias aldeas e o número de persoas feridas elévase a unha trintena.

Alerta

Varios concellos dos distritos de Castelo Branco e Santarém, afectados por incendios estq fin de semana, están esta segunda-feira en risco máximo de incendio. As temperaturas nestes dous distritos van andar entre os 39 e os 40 graus, acompañados de baixa humidade. Madalena Rodrigues, do IPMA (Instituto Português do Mar e da Atmosfera), subliña em declaracións á axencia Lusa que a situación non é "favorábel ao combate aos fogos". Por volta de 40 municipios están hoxe en alerta perante o alto risco de incendio. 

Detido

Policía Judicial detivo unha persoa de 55 anos como presunto responsábel dun dos incendios que se orixinou esta fin de semana, en concreto o que tivo lugar en Castelo Branco.

Comentarios