Opinión

Portugal, uns resultados electorais para cavilar

As eleccións portuguesas deixan leccións para as forzas que cuestionan o sistema, tanto dentro como fóra do País, tendo en consideración os resultados obtidos polo Partido Comunista, que son malos, e por debaixo das enquisas que lles daban un retroceso. Pola súa banda o Bloco de Esquerda (BE) repite deputados/as, aínda perdendo algo en porcentaxe. António Costa, despois de se reunir co BE e o PCP, dando por descontado que terá seus apoios para a investidura, informou aos medios que os acordos serán puntuais e podería recoller algunha das iniciativas do BE e do PCP para incluílas no programa da lexislatura. Ou sexa o PS fica totalmente libre para pactar a esquerda e dereita, desbotando acordos explícitos de calquera tipo, como: que o PS se comprometa por escrito levar adiante algunhas medidas progresistas na lexislatura; un pacto programático máis amplo e con maiores garantías de cumprimento; ou procurar unha coaligazón de governo co BE, xa que co PCP todo amosa que sería menos doado.

Os resultados electorais amosan que a CDU non tirou rédito deste “apoio critico” ao governo de António Costa

Sen dúbida o recuar do PCP nestas eleccións deixa ferida, xa que se dá malia contar cunha militancia importante, unha significativa representación nos concellos e ser a forza hexemónica na maior central sindical do país, a CGTP-IN. E, ademais, as medidas máis progresistas do Governo PS foron esixidas e/ou forzadas pola CDU (da que forma parte o PCP) tanto nas institucións como na rúa; tamén o fixo respecto da alianza do PS coa dereita para manter aspectos regresivos da lexislación, por exemplo para evitar a eliminación da ultra-actividade nos convenios. Os resultados electorais amosan que a CDU non tirou rédito deste “apoio critico” ao governo de António Costa, e ademais perdeu representación.

A dirección do PCP recoñece o retroceso e acepta que debe superar algunhas eivas, mais, coloca en primeiro plano os ataques contra o partido, que nesta campaña foron especialmente virulentos, divulgando andrómenas contra seu secretario xeral. Sendo isto certo, non se pode obviar que son atrancos cos que hai que contar, e para os que se debe ter sempre unha resposta. E para que esta sexa efectiva non abonda cos medios propios para manter informada a base electoral e ás clases populares, cómpre asemade contar cun sólido e participativo tecido orgánico, tanto no partido como nas organizacións de masas, para que estexan acotío mobilizadas.

O ataque das clases dominantes, mediante noticias falsas, ignorando e terxiversando os actos e accións que se realizan, ou a través de medidas punitivas, forman parte dos mecanismo represivos que utilizou sempre a burguesía. Fíxoo abertamente nas ditaduras, de xeito máis sutil nas etapas de democracia representativa comprometida co agromar da globalización neoliberal, e intensificaronse estes métodos  para dar arroupe a un capitalismo senil, en plena confrontación entre potencias e cun evidente retroceso das economías da Unión Europea. Hai que denunciar estas prácticas, porén de pouco vale se non se abren vías alternativas e non se muda a correlación de forzas.

“Tal não significa a não consideração de insuficiências e debilidades de natureza diversa que importa avaliar, corrigir e superar”

E a este respecto coido que ten interese dous artigos saídos no https://manifesto74.blogspot.com/. Nun deles acertadamente Bruno Carvalho pon énfase parte do comunicado do Comité Central do PCP no que despois de falar dos atrancos esternos indica brevemente que: “tal não significa a não consideração de insuficiências e debilidades de natureza diversa que importa avaliar, corrigir e superar”. Mais semella que este debate non se socializará ou non se dará, ou que ficará restrinxido a aspectos moi limitados. E por certo, quitar ferro aos erros propios é unha eiva moi estendida hoxe na esquerda.

Pola súa banda outro artigo, asinado por “Miguel”, este entra máis no detalle de cuestións que coido fundamentais, xa que poñen o acento en algo tan esencial como a folla de ruta, e polo tanto nas propostas intermedias, e nas relacións destas co momento actual e cos obxectivos estratéxicos, dinos: “ Essa luta foi travada num terreno desigual, num plano institucional, tendo como principal janela a comunicação social. Ao mesmo tempo, a luta dos trabalhadores centrava-se nos locais de trabalho e em questões mais circunscritas da luta de classes (...) A luta de massas, as ruas, viram-se numa espécie de limbo político que acabou por se traduzir numa concentração da luta política na esfera institucional. De repente, por motivos que nos são uns alheios e outros não, a batalha política estava a ser travada em grande medida no terreno do adversário.

Um partido comunista não tem como objectivo gerir o capitalismo. Não serve para defender programas sociais-democratas, nem para pulverizar e dispersar a luta dos trabalhadores em torno dos diversos engodos que teimam em atirar para o debate e luta política. O momento concreto exige que os partidos comunistas não se limitem a propor o socialismo como solução para todos os problemas no imediato, até porque o socialismo não se decreta, constrói-se. A incorporação da realidade concreta no projecto e programa comunistas é, pois, inevitável. Se não dizemos que a solução para o actual momento político é o socialismo ou o comunismo, não é por não o querermos, mas por sabermos que as transformações que são necessárias operar entre o actual estado capitalista e um estado socialista correspondem a uma fase de desenvolvimento do projecto que não é objectivamente, ainda, o socialismo. Limitar contudo, à valorização dos passos intermédios sem afirmar diariamente o horizonte por que se caminha, é retirar do tabuleiro aquilo que marca as diferenças fundamentais entre os comunistas e os restantes protagonistas da luta”. 

Non se pode obviar o retroceso electoral da CDU así como o medre da abstención

Para alén dos atrancos e ataques do sistema contra o PCP, a través dos medios de comunicación e dos partidos que o defenden, non se pode obviar o retroceso electoral da CDU así como o medre da abstención, xa que esta atopase rente da metade do electorado. Entre ambos feitos hai unha relación. Por exemplo, o descontente dunha gran parte da sociedade, especialmente da clase traballadora e da mocidade, que coida non existe unha opción política que os represente ou entende que súas propostas non teñen viabilidade neste contexto, e que votar é perder o tempo. Esta cuestión está ligada á derrota do socialismo real e dos movementos de liberación nacional, e a unha correlación de forzas moi favorábel ás clases dominantes e o imperialismo. Este retroceso da clase traballadora e dos movementos de liberación tivo moita relevancia nas últimas décadas nos países centrais do sistema, con consecuencias sobre a hexemonía política e cultural, a desigualdade social, a precariedade, etc.

Neste contexto cales son os obxectivos e as tarefas a corto, medio e longo prazo, para tomar a iniciativa e mudar a correlación de forzas dos partidos anticapitalistas? A chave sen dúbida está, como di “Miguel” en ligar as reivindicacións concretas con aquelas que son vistas como urxentes, xustas e posíbeis, pola maioría social. Para destruír a hexemonía ideolóxica do capital cómpre un proxecto con obxectivos estratéxicos, con propostas e tarefas para cada etapa, definíndoas con claridade, para ter unha política de alianzas correcta, recuperar a iniciativa e axer con atrevemento.

A autocrítica é fundamental para aprender da práctica, tanto dos acertos como dos erros, para deste xeito poder superar atrancos e eivas

Bruno Carvalho salienta no seu artigo que: “Num partido comunista, não é o excesso mas a ausência de debate que enfraquece a força de um formigueiro que se quer unido, coeso e capaz de avançar num caminho escolhido por todos.” A autocrítica é fundamental para aprender da práctica, tanto dos acertos como dos erros, para deste xeito poder superar atrancos e eivas, das que ningún partido está exento. Entre outras cuestións, por exemplo, o PCP debería valorar detidamente o resultado dos acordos co PS, non só en no relativo ao beneficio económico para os sectores populares, senón tamén en termos de conciencia política e organización. Este último aspecto é o que garante que os avances non sexan conxunturais, e para evitar un recuar máis grande no futuro. Sei que a esta altura esta polémica está resesa pensando nas institucións, xa que o PS rexeita pactos pra investidura. Mais trátase dun debate necesario, xa que ten valor na escolla da folla de ruta anti-sistémica, que determina unha relación entre o institucional, a mobilización e organización popular, e a loita das ideas. Ou sexa, permite tirar conclusións que marcan o camiño para a construción do poder popular.

Un apoio circunstancial ou a abstención á investidura de António Costa por parte do PCP abre unha nova etapa chea de interrogantes en Portugal, onde todo dependerá de até onde chegan os compromisos sociais do PS, nun intre no que xa se albiscan momentos de retroceso económico na UE, e no mundo. Mais non todo vai depender da economía e das actitudes do PS, a oposición de esquerda ten diante un gran reto, especialmente o PCP, xa que debe ser quen de alentar a mobilización laboral e social, defensiva e reivindicativa, conseguir triunfos, e obter rédito organizativo e electoral da súa iniciativa.