Portugal estende o estado de emerxencia tras outro día récord de mortes pola Covid

A Assembleia da República aprobou manter as restricións até o día 30 de xaneiro, que serán levantadas nos días de votación nas eleccións presidenciais do 24 de xaneiro. 
EuropaPress_3509197_08_january_2021_portugal_lisbon_cleaning_worker_wearing_protective_suit
photo_camera Labores de limpeza á entrada do Hospital Curry Cabral de Lisboa (Foto: Pedro Fiúza / ZUMA)

O decreto presidencial coa proposta de renovación do estado de emerxencia en Portugal, por mor da pandemia da Covid, até o 30 de xaneiro foi aprobado esta cuarta feira na Assembleia da República cos votos favorábeis do Partido Socialista, do Partido Social Democrata, do CDS-Partido Popular, do Pessoas-Animais-Natureza e da deputada non inscrita Cristina Rodrigues. O Partido Comunista Português e Os Verdes (que comparten grupo parlamentario), o deputado da Iniciativa Liberal, o do Chega e a deputada non inscrita Joacine Katar Moreira votaron en contra. Pola súa banda, o Bloco de Esquerda abstívose.

Ao contrario que as dúas anteriores renovacións, desta volta contou co apoio do PAN e do CDS-PP, que con anterioridade se abstiveran. O deputado da Iniciativa Liberal, segundo informaron os medios locais, barallou a posibilidade de se abster, mais tras recibir o decreto presidencial mantivo o seu voto contrario.

"Estamos num esforço muito difícil de mobilização da sociedade portuguesa", recoñeceu o ministro da Administração Interna, Eduardo Cabrita, portavoz do Goberno no debate que precedeu á votación no hemiciclo. Para Cabrita, a adopción destas restricións require dun "equilíbrio muito difícil" entre a preservación das liberdades e a protección do tecido económico, sostendo que o Executivo fixo o mellor posíbel dadas as "circunstâncias complexas" da pandemia.

Desde a esquerda, Os Verdes e o PCP argumentaron que o decreto non resolve os "problemas urgentes" da pandemia, como a situación dos fogares, a crise social e a vulnerabilidade do Serviço Nacional de Saúde (SNS)

Pola súa banda, desde o Bloco de Esquerda díxose ter a "certeza de que hoje é mais visível do que antes a necessidade do estado de emergência", ao que polo tanto non se opón, mais abstívose por non entender "por que têm tardado tanto as respostas óbvias". Ademais, apelou á requisición dos medios privados para loitar contra o virus.

Dereito de voto asegurado

O decreto garante "a livre deslocação para o exercício do direito de voto" nas eleccións presidenciais do 24 de xaneiro, coa emisión do sufraxio de maneira anticipada no 17 deste mes. Ademais, contempla que os usuarios de residencias de maiores poidan votar na propia institución.

Portugal superou hoxe o limiar do medio millón de contaxios pola Covid, tras sumar 10.556 novos positivos nas últimas 24 horas, un dato sen precedentes en toda a serie histórica. Tamén é inédito o de falecidos: 156 nun só día, e xa son 8.326 as persoas que perderon a vida polo coronavirus. Ademais, case 600 pacientes atópanse ingresados na UCI.

Comentarios