Semana de loita

Portugal érguese contra a precariedade

A Semana de combate á precariedade é unha iniciativa da CGTP-IN, principal central sindical portuguesa, coa que se quere pór fin ás múltiples formas de explotación e o empobrecemento da clase traballadora. 
 
Portugal érguese contra a precariedade
photo_camera Portugal érguese contra a precariedade

Esta campaña de axitación arrancou a 2 de decembro e estenderase até o día 6. Para a CGTP-IN o combate á precariedade é unha das prioridades no traballo sindical, sobre todo nos últimos anos, ante a perda de dereitos colectivos. 

Para esta entidade a precariedade laboral foi imposta pola política exercida polas formacións da dereita e polos sucesivos executivos portugueses, ao tempo que foi agravada pola alteracións efectuadas na lexislación laboral a mans do executivo do Partido Socialista. 

Estas mudanzas lexislativas son sinaladas pola central sindical polo feito de “prexudicaren o desenvolvemento do País e de condenar as clases traballadoras á explotación e á pobreza”, e poñen o acento en que máis dun millón de traballadoras e traballadores teñen contratos precarios en Portugal.

Os máis grandes actos desta semana de loita desenvólvense en Setúbal, Lisboa e Porto.

“É preciso loitar por mellores condición de vida e de traballo”, afirman desde a CGTP na convocatoria das xornadas de combate, e chaman a intensificar a acción e a loita reivindicativa nos centros de traballo, nas empresas e nos estabelecementos. Nese sentido cargan sobre a precariedade laboral por se tratar dunha auténtica agresión que “é preciso erradicar, tanto no privado como no público”.

A mobilización obreira cadrou nesta semana tamén cunha grande concentración en Lisboa contra a OTAN

A mobilización obreira cadrou nesta semana tamén cunha grande concentración en Lisboa contra a OTAN convocada polo Conselho Português para a Paz e Cooperação (CPPC) coa que se quixo denunciar o belicismo da OTAN, cadrando coa cimeira que a organización está a desenvolver durante esta semana en Londres. 

Ao intervir, a vicepresidenta da dirección nacional do CPPC, Beatriz Goulart, afirmou que a OTAN e os seus membros son “a principal ameaza á paz e á seguranza no mundo”, e lembrou que esta entidade promove “a aplicación militar das novas tecnoloxías, a militarización do espazo e do ciber espazo, o agravamento da tensión militar xunto ás fronteiras da Rusia e da China” e que admite “a utilización das armas nucleares nun primeiro ataque, inclusive contra países que non teñan este tipo de armamento».

Onte mesmo, tamén na cidade de Lisboa, unha multitudinaria mobilización rexeitou a presenza en Portugal do secretario de Estado norteamericano, Mike Pompeo e do primeiro ministro israelita, Benjamin Netanyahu, a quen as manifestantes denunciaron de crimes contra a humnaidade en Palestina.

Comentarios