O festival de linguas minorizadas será en Udine, no Friul

O pop rítmico de Esposa representa Galiza no Suns Europe

Esposa, cuarteto de pop rítmico e por veces desbocado con base en Compostela, representará Galiza no festival Suns Europe. O certame, dedicado ás “artes escéncias en linguas minoritarias”, celebrarase en Udine, no Friul, entre o 30 de novembro e dous de decembro.
 

esposa
photo_camera Esposa. Foto: cedida.

A banda interpretará a canción Xardín Interior, o sinxelo co que bautizaron o seu disco de debut publicado este ano. Influenciada polas arestas máis melódicas do punk dos 70 e polo pop independente de guitarras, a súa lírica asexa a fraxilidade do cotía, as dúbidas do paso á vida adulta, a rebelión pequena pero teimuda, a incerteza.

Mar Catarina (sintetizador), Cibrán Tenreiro (voz e percusión), María Villamarín (voz e sintetizador) e Xacobe González (voz e guitarra) forman Esposa. É un dos grupos máis activos desa nova vaga de pop galego en que militan propostas como as de Chicharrón -da que fai parte Catarina- ou Atrás Tigre.  

O Suns Europe, herdeiro do Liet Inernational, fai a súa terceira edición. Nas dúas anteriores, os representantes de Galiza foron Caxade e Familia Caamagno. A incursión de Esposa en Udine incluirá algún concerto a maiores fóra da programación do festival e unha residencia artística en Comeglians.

Comentarios